O Obradoiro de Garantía Xuvenil, que centrou a súa actividade no Parque Botánico de Montealegre, formou e ofreceu un posto de traballo a quince desempregados do concello de Ourense

A delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz, e o alcalde da cidade das Burgas, Jesús Vázquez, participaron no acto de clausura desta iniciativa de emprego que supuxo un investimento da Consellería de Economía, Emprego e Industria de máis de 140.000 euros

As principais actuacións foron a construción dun miradoiro das estrelas, un observatorio de aves e a creación dun bosque mediterráneo

O Goberno galego concedeulle tamén ao Concello ourensán un obradoiro xeral que se dedicará á mellora das ribeiras do Barbaña
 

Ourense, 5 de abril de 2018
  • whatsapp

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, durante 6 meses desenvolveu no Concello de Ourense o obradoiro de emprego específico para menores de 30 anos Montealegre II, no que se ofreceu formación e traballo a 15 mozos e mozas desempregados do municipio ourensán. A súa actividade centrouse no Parque botánico de Montealegre co obxectivo de revalorizar o patrimonio natural e paisaxístico autóctono da zona. O deste ano dá continuidade á primera edición do obradoiro que se celebrou o pasado ano.

A iniciativa forma parte do programa de Garantía Xuvenil e para o seu desenvolvemento a Xunta investiu máis de 140.000 euros. Este tipo de programas mixtos de formación e emprego se centran na realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibilitan un traballo para os menores de 30 anos que, xunto coa formación profesional para o emprego, procura a cualificación profesional e favorece a posterior inserción laboral das persoas desempregadas que o realicen. Ademais, esta formación impulsa tamén o emprendemento, xa que os beneficiarios recibirán formación específica que lles permitirá iniciar os seus propios proxectos.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e o xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Santiago Álvarez, participaron hoxe no acto de clausura e entrega de diplomas. Díaz Mouteira subliñou o esforzo da Administración autonómica para mellorar a empregabilidade no Concello da cidade a través de distintos programas e cursos. Así, lembrou que este ano a Xunta lle concedeu ao Concello da capital un segundo obradoiro, neste caso xeral e cunha duración de nove meses, que beneficia a outras 20 persoas desempregadas e destinado a mellorar as ribeiras dos ríos Barbaña e Barbañica.

Este obradoiro permitiu a formación do alumnado nas especialidades de instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes e pavimentos e albanelería de urbanización. Así realizáronse traballos no parque botánico consistentes, entre outros, na construción dun miradoiro de estrelas, a instalación dun observatorio de aves, a rexeneración dun total de 5.000 metros cadrados de bosque mediterráneo, mellora da accesibilidade de varios camiños e creación de paseos.

Díaz Mouteira lembrou que na provincia de Ourense ao longo deste curso a Consellería de Economía, Emprego e Industria destina máis de 4,6 millóns de euros a desenvolver na provincia de Ourense un total de 19 programas mixtos de formación e emprego, 14 xerais e 5 específicos para menores de 30 anos a través do Sistema de Garantía Xuvenil, que benefician a 355 desempregados.

Os obradoiros forman parte da Axenda 20 para o Emprego, a planificación do Goberno galego en materia laboral para impulsar o emprego estable e de calidade, coa que se pretende en 2020 reducir a taxa de paro ata o 10% coa creación de polo menos 80.000 novos empregos e a creación ou conversión de 50.000 contratos en indefinidos.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 02/04/2018