Galicia é a comunidade na que máis baixa o desemprego no último ano rexistrando unha caída do 11,88%

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, valorou hoxe os datos de paro rexistrado que volven a confirmar que Galicia continúa creando emprego con 24.953 persoas menos no paro, o maior descenso de toda a serie histórica

Galicia encadea 5 anos consecutivos de baixadas nun mes de marzo, un período no que 1 de cada 3 persoas abandonaron as listas do desemprego

O emprego crece con 25.751 afiliacións máis á Seguridade Social no último ano, a maior subida desde 2007, gañando 206 afiliacións ao día

O paro reduciuse tamén na evolución mensual, nun 1,65% e con respecto a febreiro a contratación indefinida sobe nun 9,06%

Toca destaca que o crecemento económico, acompañado dun emprego de calidade, é o principal reto para a Xunta

Indica que para impulsar o traballo, o Goberno galego ten en marcha diversos programas de formación que suman 46 millóns de euros e está a apostar pola cooperación institucional e a colaboración público-privada

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2018
  • whatsapp

Galicia é a Comunidade Autónoma na que máis baixa o desemprego no último ano rexistrando unha caída do 11,88%. Deste xeito, péchase o mes de marzo con 185.103 parados, o que supón con respecto a hai un ano un descenso de 24.953 persoas, a maior caída de toda a serie histórica (1996). A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, valorou hoxe os datos que, segundo apuntou, volven a confirmar que “Galicia continúa creando emprego”.

Así, apuntou que a cifra de desempregados é mellor que hai 9 anos (en marzo de 2009 rexistrábanse na Comunidade 211.484 persoas sen traballo) e que Galicia encadea xa 5 anos consecutivos de descensos nun mes de marzo, o que significa que, neste período, 1 de cada 3 persoas abandonaron as listas do paro.

Na comparativa co Estado, o ritmo de baixada do paro en Galicia é maior que no Estado tanto na evolución anual como mensual. Mentres que en Galicia baixou o desemprego con respecto a hai un ano nun 11,88%, no Estado descendeu nun 7,56%, é dicir, 4,32 puntos de diferenza.

As afiliacións á Seguridade Social aumentaron en 25.751 no último ano, unha subida do 2,68%, a maior desde 2007. En marzo, ademais, creáronse en Galicia 206 afiliacións ao día (6.395 máis no conxunto do mes).

Con respecto á calidade do emprego, Toca apuntou que tamén segue medrando, xa que no último ano a contratación indefinida aumentou un 4,90%. Con respecto ao mes anterior, o paro tamén baixa, nun -1,65%, e a contratación indefinida crece, nun 9,06%, é dicir, asináronse 6488 contratos máis que en febreiro.

O paro, ademais, descende nas principais variables: nas catro provincias e 7 grandes cidades, en todos os sectores de actividade e nos colectivos prioritarios para o Goberno galego. Con respecto ao dato provincial, lidera a caída Lugo (-14,85%), seguida de Ourense (-13,82%), Pontevedra (-12,78%) e da Coruña (-9,61%). Por sectores, a maior caída ten lugar na construción (20,69%), seguida da agricultura e pesca (-13,65%), da industria (-12,69%) e dos servizos (-10,75%).

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, sinalou que o crecemento económico, acompañado dun emprego de calidade, é o principal reto para a Xunta, que considera “imprescindible” impulsar a cualificación dos traballadores galegos para acadar este obxectivo. “A formación é agora máis importante que nunca nesta nova era dixital na que a transformación tecnolóxica está creando novas tipoloxías de emprego”, apuntou.

Así, indicou que o Goberno galego, en colaboración co tecido produtivo, traballa no emprego que vén adaptando os perfís profesionais ás demandas que requiren as empresas. Neste senso, a Administración autonómica ten en marcha programas de formación á carta para desempregados e ocupados en centros homologados e as Unidades Formativas na Empresa, iniciativas nas que está a investir 46 millóns de euros para cualificar a preto de 34.000 persoas.

Toca, ademais, referiuse á importancia de impulsar a colaboración para consolidar o crecemento económico. Deste xeito, explicou o pulo que está dando a Xunta á cooperación institucional a través da figura dos Concellos Emprendedores, que prevé a Lei de implantación empresarial. Estes concellos son aqueles que están apoiando á Administración autonómica no impulso á actividade empresarial ofrecendo máis axilidade administrativa e bonificacións fiscais para empresas que se queren instalar en Galicia.

Así mesmo, salientou que a colaboración público-privada permitirá afrontar os desafíos do novo modelo produtivo baseado na nova tecnoloxía dixital. “Con máis formación, máis colaboración institucional e máis cooperación público-privada acadaremos unha industria cada vez máis forte, seguiremos mellorando a nosa economía e consolidaremos a recuperación do mercado laboral”, rematou.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/04/2018