A Xunta pon en valor os incentivos á contratación para xerar emprego en Galicia e favorecer o crecemento económico

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, acompañada do delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe na Coruña a empresa Gato Salvaje Studio, especializada en deseño e desenvolvemento de videoxogos

Salientou que aínda se poden solicitar as axudas por valor de 7 millóns de euros para a contratación nas pemes e para a consolidación do emprego nas pequenas empresas tecnolóxicas e de nova creación

A Consellería de Economía, Emprego e Industria dedica 4,2 millóns para incentivar en 500 pemes a contratación de 550 desempregados con máis dificultades para atopar un emprego con apoios que poden chegar aos 8000 euros

Establécese por primeira vez neste programa a posibilidade dun bono formación de 1000 euros por cada persoa contratada

Para fomentar o emprego de 300 traballadores en 195 novas pemes e nas iniciativas de emprego de base tecnolóxica destínanse máis de 2,7 millóns
 

A Coruña, 3 de abril de 2018
  • whatsapp

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, acompañada do delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe a empresa con sede na Coruña Gato Salvaje Studio, especializada en deseño e desenvolvemento de videoxogos, onde coñeceu o proxecto que están desenvolvendo na actualidade os seus traballadores, o videoxogo The Waylanders.

Toca destacou a importancia de apoiar en Galicia o talento e, deste xeito, recordou que a Xunta ten en marcha diversos mecanismos para favorecer a contratación de mozos con talento como é o caso dos incentivos á contratación que, en palabras da secretaria xeral, xeran emprego favorecendo, polo tanto, o crecemento económico. Indicou que os incentivos para a contratación nas pemes e para a consolidación do emprego nas pequenas empresas tecnolóxicas e de nova creación, ás que a Consellería de Economía, Emprego e Industria destina 7 millóns de euros, aínda se poden solicitar.

Dunha banda, ata o 15 de outubro está aberto o prazo para solicitar os incentivos á contratación nas pemes, dotado con 4,2 millóns de euros, para favorecer o emprego de 550 persoas con máis dificultades para atopar un traballo en 500 empresas. Por medio desta actuación, as compañías teñen a oportunidade de obter axudas para a contratación e formación por conta allea.

Toca explicou que a contratación inicial, cunha duración mínima dun ano, apóiase cun bono de 4000 euros sempre que o desempregado sexa parado de longa duración, presente algunha discapacidade ou se atope en situación ou risco de exclusión social. Esta contía aumenta nun 25% para as mulleres, maiores de 45 anos, emigrantes retornados e se a empresa está situada no rural, polo que a contía máxima de axuda deste programa pode alcanzar os 8000 euros.

Como novidade, inclúese un bono de 1000 euros de formación por cada persoa contratada que é opcional para as empresas.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria, doutra banda, inviste máis de 2,7 millóns de euros para o programa de fomento e consolidación do emprego para as pequenas empresas de nova creación e as cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT). Con esta actuación prevé beneficiar ao redor de 300 traballadores en 195 firmas.

Para impulsar o emprego nas pequenas empresas de nova creación establécense axudas para a xeración de emprego estable, a formación xerencial e/ou directamente relacionada coa actividade que se vai desenvolver ou para o inicio de actividade, financiando gastos relacionados cos honorarios de notario e rexistrador, arrendamento do local, maquinaria ou equipamentos informáticos, entre outros. O prazo de solicitude neste caso remata o próximo 31 de xullo.

Apóiase tamén a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras destas empresas co 75% do custo da escola infantil dos fillos menores de 3 anos cun máximo de 3000 euros. Poden ser beneficiarias destes apoios as empresas que sexan promovidas como máximo por 5 persoas, cun capital social máximo de 120.202 euros, sendo como mínimo o 50% titularidade dos promotores que sexan desempregados e creen o seu propio posto de traballo na empresa.

Iniciativas de base tecnolóxica

O programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cuxo prazo de solicitude acaba o 1 de outubro, pretende dinamizar a vocación emprendedora da comunidade universitaria e aproveitar o potencial empresarial das persoas dedicadas á investigación e con amplos coñecementos das novas tecnoloxías.

Os beneficiarios destas axudas son as empresas e autónomos que se constitúan e inicien a súa actividade nun prazo non superior a un ano desde que o proxecto empresarial foi cualificado como IEBT. Concederanse axudas á creación directa de emprego estable, para a contratación de persoal técnico de alta cualificación e para a posta en marcha do proxecto empresarial. Os apoios poden alcanzar os 24.000 euros.

As contías base dos dous programas incrementaranse nun 25% para as mulleres, emigrantes retornados, maiores de 45 anos e no caso de que a compañía estea situada no rural. Deste xeito, a axuda máxima será de 22.000 euros por beneficiario no caso de pequenas empresas de nova creación e de 48.000 euros para as IEBT.

Esta actuación está enmarcada na liña que segue o Goberno galego para impulsar en Galicia o emprendemento a través da innovación e as novas tecnoloxías. Trátase, en definitiva, con estas axudas de consolidar a recuperación económica en Galicia. Segundo destacou Toca, os últimos datos de paro rexistrado reflicten que a Comunidade galega segue creando emprego. No último ano, o paro descendeu nun 11,88%. Na cidade da Coruña, rexistráronse 1.200 desempregados menos, o que supón unha baixada do 6,34%.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/04/2018