A Xunta clausura o obradoiro de emprego Redemprega no que se formaron 15 mozos e mozas menores de 30 anos en Redondela

O Goberno galego destinou a este taller, dividido nas especialidades de pintura decorativa en construción e deseño de produtos gráficos, máis de 140.000 euros

No que atinxe á área territorial de Vigo, o orzamento dedicado a estes talleres de emprego supera os 4,2 millóns de euros, con 14 obradoiros e 250 alumnos

O delegado territorial, Ignacio López-Chaves, xunto ao alcalde redondelano Javier Bas destacaron o alto índice de inserción laboral destes cursos formativos
 

Redondela (Pontevedra), 4 de abril de 2018
  • whatsapp

O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, desprazouse hoxe ata o Multiusos do Pinal en Chapela para comprobar de primeira man os avances dos 15 mozos e mozas que veñen de rematar a súa formación no obradoiro “Redemprega”, promovido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Acompañado polo alcalde, Javier Bas, a tenente de alcalde, María del Carmen Amoedo, e o xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial, o representante autonómico felicitou aos alumnos e alumnas e destacou o alto índice de inserción laboral destes cursos formativos, superando todas as expectativas previstas. Agradeceu tamén a aposta e a implicación das empresas, sen as que non sería posible que tiveran unha nova oportunidade laboral. López-Chaves salientou así a importancia da colaboración coas empresas e concellos para impulsar en Galicia o emprego estable e de calidade e o crecemento económico.

A Administración galega destinou a este taller, dividido en dúas especialidades, 140.188 euros. Durante os últimos 6 meses, 8 alumnos e alumnas formáronse en pintura decorativa en construción, e outros 7 en deseño de produtos gráficos. O “Redemprega” é un dos seis obradoiros específicos para menores de 30 anos concedidos este ano a través do Sistema de Garantía Xuvenil.

A Xunta, a través dos obradoiros de emprego, que financia a Consellería de Economía, Emprego e Industria, co apoio da Administración local, está a formar a 1600 galegos e galegas a través de 83 obradoiros cun investimento de 20 millóns de euros.

No que atinxe á área territorial de Vigo, o orzamento supera os 4,2 millóns de euros para a posta en marcha de 14 obradoiros, 8 xerais e 6 específicos nos que 250 persoas desempregadas reciben formación e un contrato de traballo.

Os obradoiros de emprego, a través dos que os participantes reciben un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado, presentan na convocatoria actual varias novidades respecto á anterior, entre as que destacan a ampliación da duración dos programas xerais de 6 a 9 meses. Asemade, deuse prioridade ás localidades menos poboadas de Galicia para responder así a unha das medidas principais do plan de formación e emprendemento no rural da Xunta.

Estes talleres de emprego céntranse na realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral. Esta formación impulsa tamén o emprendemento, xa que os beneficiarios reciben formación específica que lles permite iniciar os seus propios proxectos.

No caso dos obradoiros xuvenís, os participantes deben estar inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil e as actividades ás que opten relacionadas, de ser o caso, coa titulación ou formación previa que posúan. Prímanse aqueles participantes que non recibiran atención anteriormente no programa de Garantía Xuvenil.

Esta iniciativa forma parte da Axenda 20 para o Emprego, a planificación do Goberno galego en materia laboral para impulsar o emprego estable e de calidade e coa que se pretende en 2020 reducir a taxa de paro ata o 10% coa creación de polo menos 80.000 novos empregos e a creación ou conversión de 50.000 contratos en indefinidos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/04/2018