Rosa Quintana respondeu no Parlamento a unha pregunta sobre a rede de caixeiros telemáticos dos portos autonómicos
A Xunta instalará nove caixeiros Ticpesc máis nos peiraos galegos que se sumarán aos 58 existentes

Explicou que esta ampliación do número de caixeiros telemáticos se realiza dada a súa boa acollida, xa que evitaron case 280.000 desprazamentos dos profesionais do mar ás confrarías e ás dependencias da Administración

Avanzou que tamén se prevé mellorar e actualizar o software de 30 dos caixeiros xa instalados e que se instalará en determinados terminais un sistema de pesaxe para que os profesionais poidan pesar os produtos no momento do seu desembarque
 

  • whatsapp

Santiago, 11 de abril de 2018.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, adiantou esta tarde no pleno do Parlamento que a Xunta instalará nove caixeiros Ticpesc máis nos peiraos galegos. Estes dispositivos sumaranse aos 58 xa existentes nos portos autonómicos e constitúen unha ferramenta de acceso á administración electrónica que se pon a disposición do sector para que non teñan que desprazarse ás oficinas da Xunta para realizar as xestións correspondentes da súa actividade diaria.

Neste sentido, a conselleira explicou que esta ampliación do número de caixeiros telemáticos se realiza dada a súa boa acollida. Así, trasladou que os Ticpesc evitaron case 280.000 desprazamentos dos profesionais do mar ás confrarías e ás dependencias da Administración.

Ademais, Rosa Quintana tamén avanzou que está previsto mellorar e actualizar o software de 30 dos caixeiros xa instalados, coa finalidade de mellorar a súa operatividade. Ademais prevese instalar en determinados terminais un sistema de pesaxe para aportarlle funcionalidade e axilidade, permitindo que se poidan pesar os produtos da pesca e do marisqueo no mesmo momento no que se realiza o desembarque das capturas.

A conselleira aproveitou para resaltar a importancia que ten a trazabilidade dos produtos do mar. De aí, explicou, que se considerase a necesidade de ampliar a rede de terminais para que os profesionais poidan estar atendidos as 24 horas do día dos 365 días do ano sen depender dos horarios das oficinas das confrarías, das lonxas ou doutras entidades.

Nesta liña, a titular de Mar puxo de relevo o traballo realizado desde a Xunta na materia e agradeceu ao sector a achega de datos día a día. Neste aspecto explicou que a Xunta dispón de mecanismos como a Plataforma Tecnolóxica da Pesca (www.pescadegalicia.gal) a través da que se pode acceder a rexistros administrativos como os dos buques, os dos permisos de explotación do marisqueo a pé ou o das descargas e primeiras vendas de produtos do mar frescos, entre outros. A maiores, esta aplicación web tamén lle permite ao sector tramitar a alternancia de artes e xestionar telematicamente os documentos de transporte, recollida, orixe e rexistro desde calquera ordenador, sen necesidade de desprazarse.

Finalmente, Rosa Quintana fixo un balance “sumamente positivo” da evolución en materia de trazabilidade e comercialización grazas aos caixeiros Ticpesc e á aplicación web. Así, especificou que no 2017 se emitiron máis de catro millóns de notas de venda e que os documentos expedidos polo sector aumentaron un 42% na última década, ata acadar a cifra dos 314.000.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 11/04/2018