Cetmar e os seus socios no proxecto Climefish presentan o prototipo da ferramenta de apoio á toma de decisións sobre os efectos do cambio climático na pesca e na acuicultura

O software definitivo, que será realidade na primavera de 2019, recollerá información sobre diferentes especies

Incorporará as suxestións das partes interesadas coas que o consorcio está a manter reunións de traballo en diferentes puntos de Europa

O último encontro neste sentido foi o celebrado esta semana en Escocia, onde os técnicos organizaron un taller para analizar os posibles impactos do cambio climático nas especies demersais no oeste do país
 

Santiago, 15 de abril de 2018
  • whatsapp

Cetmar e os seus socios no proxecto ClimeFish presentaron esta semana en Escocia o primeiro prototipo da ferramenta de apoio á toma de decisións sobre os efectos do cambio climático na pesca e na acuicultura. Este novo software será unha realidade na primavera de 2019 e proporcionará información sobre as diferentes especies analizadas polos expertos de ClimeFish a través dos 16 estudos de caso que se están a desenvolver no marco do proxecto.

Tamén incorporará as suxestións aportadas polos axentes interesados en cada pesqueira ou cultivo, cos que se está a traballar de forma conxunta. O último encontro neste sentido foi o celebrado esta semana en Escocia, onde, ademais de presentar o software, os técnicos organizaron un taller para analizar os posibles impactos do cambio climático nas especies demersais no oeste do país. Concretamente avaliouse a situación do bacallau e da pescada, nesta ocasión coa axuda de representantes políticos do sector pesqueiro escocés, que xa teñen avanzados plans de adaptación e avaliados os impactos deses cambios.

O taller, celebrado en Aberdeen, é o cuarto destas características que se realiza no que vai de ano, organizado polo proxecto ClimeFish. O obxectivo é traballar de maneira conxunta co sector, as administracións e outros axentes interesados para coñecer de primeira man as súas percepcións sobre os efectos do cambio climático e integralas nos estudos, avanzando cara a resultados útiles para o sector.

A ronda de contactos iniciábase en xaneiro no Lago di Garda, en Italia, onde se abordou a situación de diferentes especies de salmónidos e os efectos do cambio climático nos lagos italianos, coa participación de responsables políticos e pescadores.

Os seguintes talleres tiveron como protagonistas ao mexillón de Galicia, sobre o que se debateu nunha reunión co sector organizada por CETMAR en Sada. As especies peláxicas do Noroeste Atlántico (cabala, arenque e lirio) foron o tema a tratar noutro encontro en Copenhague.

O traballo dos investigadores de ClimeFish proseguirá nas vindeiras semanas. Así, están previstas novas reunións en Atenas (18 de abril) e Hungría (22 de abril) para analizar a situación da acuicultura de especies como a robaliza e a corvina no primeiro caso e a carpa e o bagre cultivados en lagos no segundo. Técnicos do Centro Tecnolóxico do Mar participarán neses encontros e na segunda reunión anual do proxecto, que terá lugar do 24 ao 26 deste mes, tamén en Hungría.

A Fundación CETMAR é un dos 21 socios do proxecto ClimeFish que, con financiamento da Unión Europea a través do programa Horizonte 2020, está desenvolvendo un total de 16 estudos de caso para os sectores da pesca e a acuicultura mariña e continental e que abarcan máis de 25 especies de toda Europa, Canadá, Chile e Vietnam.

O obxectivo desta iniciativa, que conta cun presuposto de 5 millóns de euros e que se estenderá ata 2020, é contribuír a que o incremento da produción do sector pesqueiro se produza en áreas e especies con potencial para o crecemento sostible, tendo en conta as expectativas de evolución do clima e contribuíndo ao desenvolvemento das comunidades costeiras e rurais.
 

Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 15/04/2018