Máis de 80 empresas alimentarias galegas participarán na feira alimentaria de Barcelona co apoio da Xunta de Galicia

As conselleiras do Medio Rural e do Mar visitarán a feira para apoiar ás empresas e consellos reguladores do agro e do mar de Galicia

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2018
  • whatsapp

A vindeira semana comezará a 41 edición da Feira Alimentaria de Barcelona, un dos certames agroalimentarios máis destacados do panorama nacional e internacional. Ata alí desprazaranse un total de 86 empresas que promocionarán os produtos galegos de calidade, baixo o paraugas da Xunta de Galicia.

As consellerías do Medio Rural e do Mar, en colaboración con diferentes empresas e consellos reguladores, farán promoción dos produtos do agro e do mar da nosa comunidade neste certame, ao que tamén se desprazarán as titulares de ambos departamentos, Ángeles Vázquez e Rosa Quintana, o martes e mércores respectivamente.

Ambas consellerías estarán representadas na feira con diferentes postos que albergarán un total de 86 empresas galegas do eido alimentario. Destas 55 pertencen ao sector do agro, de eidos tan diversos como a produción de leite, queixos, viño, carne de vacún, coello, ovos, castaña, pataca, croquetas, augardentes e licores, pan, empanadas ou sobremesas. As 31 restantes son empresas e entidades pertencentes ás áreas da pesca, do conxelado e da conserva.

Ambas consellerías colaborarán cos consellos reguladores asistentes e as empresas participantes para promocionar os produtos de calidade de Galicia. Neste senso, ademais da organización de multitude de degustacións e catas de produto ao longo de toda a feira, celebrarase por primeira vez un túnel do viño. Nel estarán expostos os caldos dos expositores e os premiados nas catas de Galicia, xunto cos augardentes e licores de Galicia. Desta forma, participarán un total de 185 mostras repartidas do seguinte xeito: 22 de viño do Ribeiro, 11 de Valdeorras, 91 de Rías Baixas, 20 de Monterrei, 25 de Ribeira Sacra e 16 licores e augardentes tradicionais.

No relativo á promoción dos produtos do mar, estes contarán cun posto institucional de 591 m² de zona expositiva e dividido en dúas illas na área Expoconser, onde haberá un espazo destinado a centro de negocios, no que as empresas poderán manter encontros para ampliar o seu mercado.

Pola súa parte, Medio Rural contará con tres espazos ubicados no pavillón de Intercarn, cunha superficie ocupada de 151 m²; no de Interlact, cunha superficie de exposición de 120 m²; e Multiple Food, cun espazo de 144 m². No pavillón de Intervin haberá tamén un posto de 496 m² que xestionaron os propios consellos reguladores dos viños e augardentes e licores.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/04/2018