A directora de Turismo participou hoxe en Sada na inauguración da ‘I Conferencia de Turismo Sustentable na Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo’
Nava Castro destaca as numerosas posibilidades de turismo sustentable que ofrecen as reservas da biosfera de Galicia

Destacou a importancia do patrimonio natural, ambiental e cultural destas zonas á hora de favorecer unha actividade turística que diversifique a oferta, mellore a calidade de vida da poboación local e actúe como elemento tractor do rural galego

Recordou a aposta do Goberno galego, ao abeiro da Estratexia do turismo de Galicia 2020, con experiencias como o impulso a rutas culturais, ornitolóxicas ou actividades deportivas que protexan e poñan en valor a riqueza destas áreas

Sada (A Coruña), 16 de abril de 2018
  • whatsapp

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, salientou hoxe o papel do patrimonio natural, ambiental e cultural das Reservas da Biosfera en Galicia á hora de diversificar a actividade turística e favorecer unha oferta de turismo sustentable, que respecte a autenticidade destas zonas, mellore a calidade de vida da poboación local e actúe como un elemento tractor da economía do rural galego.

Nava Castro fixo estas declaracións durante a inauguración da ‘I Conferencia de Turismo Sustentable na Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo’ que se celebra desde hoxe e ata mañá martes na localidade coruñesa de Sada. Na súa intervención recordou o compromiso do Goberno galego por impulsar actividades e experiencias turísticas que protexan e poñan en valor a riqueza destas áreas, á vez que contribúan a ofrecer novas propostas turísticas nas contornas rurais.

“É a nosa grande aposta de presente e de futuro e esa é tamén a razón pola que a paisaxe é un dos elementos aos que máis importancia estamos a conceder na Estratexia do turismo de Galicia 2020, o documento que guía o noso traballo para consolidarnos como un destino de calidade e sustentable”, indicou. A primeira das súas once liñas estratéxicas vai, precisamente, dirixida a este capítulo e recibe máis de 88 millóns de euros, o 37% do total.

Ruta do Impresionismo nas Mariñas


Nava Castro situou ás Reservas da Biosfera como a das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo como “escenario perfecto para complementar e diversificar a oferta turística galega”. Como así o demostra, por exemplo, a Ruta do Impresionismo nas Mariñas que enxalza a obra do pintor Lloréns a través dun programa de actividades para achegalo a todos os públicos, unha iniciativa que conta co apoio e respaldo económico do Goberno galego.

Para continuar nesta liña, e ao abeiro da Estratexia do turismo de Galicia 2020, a Xunta aposta por formar a empresas en ecoturismo e mesmo potenciar o papel como recurso turístico das seis reservas da biosfera galegas entre as que está a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo na que se está a celebrar estas xornadas ás que se unen Área de Allariz; os Ancares lucenses e montes de Navia, Cervantes e Becerreá; Río Eo, Oscos e Terras de Bourón; Terras do Miño e Xurés-Gerês.

Tamén avanza para coordinar co sector o impulso para a creación de produto de ámbito galego centrado no ecoturismo, ao que se poidan adherir empresas situadas na contorna de Parques Naturais e Reservas da Biosfera, e tamén aquelas presentes na contorna doutros espazos protexidos pola Rede Natura 2000.

Ademais, e dentro da aposta por potenciar e protexer o medio natural a través dunha actividade turística sustentable, gran parte das experiencias estreadas este ano están relacionadas coa natureza e o ecoturismo como Escenarios ao volante, con propostas de viaxe a través das estradas secundarias galegas para coñecer miradoiros e paisaxes únicos; Galicia Surfing, para descubrir as contornas máis propicias para practicar surf; o Club da Auga, que propón ata catro produtos turísticos co termalismo, o turismo mariñeiro e náutico como eixos ou as experiencias de turismo activo nos seis parques naturais.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 16/04/2018