A Xunta avanza na inclusión e a atención á diversidade cun protocolo para o alumnado coa síndrome de Down

Esta guía establece accións específicas en materia de convivencia, de formación do profesorado e de organización interna dos propios centros, entre outros, para acadar unha mellor atención no proceso de aprendizaxe destes nenos

O documento, que foi elaborado por expertos constituídos nun grupo de traballo creado ad hoc, foi presentado hoxe polo conselleiro Román Rodríguez
 

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2018
  • whatsapp

O conxunto da comunidade educativa ten á súa disposición desde hoxe o Protocolo para a atención educativa do alumnado coa síndrome de Down e/ou con discapacidade, un amplo manual que recolle orientacións específicas para acadar unha mellor atención no proceso de escolarización e de aprendizaxe dos nenos que presentan esta característica.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presentou esta mañá o Protocolo, nun acto no que estivo acompañado do presidente de Down Galicia, Delmiro Prieto, así coma dos técnicos especialistas que participaron no grupo de traballo ad hoc creado para tal fin.

Román Rodríguez destacou que un dos piares básicos dun sistema educativo equitativo, democrático e de calidade é atender a todas as especificidades do alumnado e que “cada neno dispoña das oportunidades e das condicións necesarias para a aprendizaxe”. Isto é “converter a diversidade nunha oportunidade”.

O conselleiro subliñou que o seu departamento está traballando de cheo en avanzar neste sentido, sobre todo no eido da formación do profesorado, e tamén poñendo en marcha novas ferramentas específicas coma o protocolo presentado hoxe, froito da colaboración con colectivos e expertos en cada materia, a quen agradeceu a súa participación.

En Galicia, segundo os últimos datos do Ministerio, en Galicia o 91,9% do alumnado NEE está escolarizado en centros ordinarios, a porcentaxe máis alta de todo o Estado. Isto -en palabras do conselleiro- esixe dun esforzo por parte do conxunto da comunidade educativa para construír espazos participativos e accesibles, de integración, de inclusión e de convivencia que permitan eliminar todo tipo de barreiras.

Formación do profesorado

Román Rodríguez fixo especial fincapé na formación do profesorado como un dos piares para acadar este obxectivo. A día de hoxe, 135 centros educativos contan cun plan de formación en centros con liña específica de Escola inclusiva e Atención á diversidade. Ademais, o cen por cen das actividades de formación que se realizan nos centros contan cun módulo específico en convivencia, inclusión e igualdade (módulo ICI), cun total de 780 horas lectivas realizadas no que vai de ano, que foron superadas por máis de 9.000 profesores.

Pautas específicas na organización interna do centro escolar

No caso do Protocolo Down (que está dispoñible no enderezo web http://www.edu.xunta.gal/portal/node/24709), establécense unha serie de pautas específicas para a atención educativa a estes nenos que abrangue cuestións como a organización interna do propio centro, orientacións metodolóxicas e de aula, medidas curriculares, seguimento do alumnado e orientacións para as propias familias.

No que se refire á organización interna dos centros cómpre destacar que se buscará a estabilidade do profesorado que atende a estes alumnos, e se potenciará a figura do titor como profesional de referencia tanto para o alumno como para o resto do equipo docente e da propia familia. Ademais, promoverase a participación do alumnado en todas as actividades de grupo dentro e fóra da aula, e poñeranse en valor e daráselle visibilización a situacións de éxito.

Orientacións metodolóxicas

O documento recolle unha serie de orientacións metodolóxicas sobre a comunicación na aula; sobre a adaptación dos ritmo de traballo en función da especificidade de cada caso; sobre a presentación dos contidos e materiais de aprendizaxe nas distintas modalidades sensoriais (imaxes, gráficos, debuxos, pictogramas,...), e sobre as normas (responsabilidade no coidado de material, por exemplo), entre outros.

Ademais, para mellorar a autoestima do alumno, primarase a valoración do esforzo sobre outros aspectos académicos.

Medidas curriculares

Respecto ás medidas curriculares, avógase pola interpretación flexible do currículo, cunha programación na aula que se adapte ás características do conxunto do estudantado, e que conte cos recursos e apoios necesarios para a participación integral e efectiva do alumno ca síndrome de Down na dinámica da clase.

Para iso recoméndase a aplicación de metodoloxías e estratexias de ensino-aprendizaxe que sexan flexibles, participativas e creativas; e propiciar situacións centradas nas potencialidades do alumnado. Nesta liña é importante aproveitar as múltiples posibilidades que ofrecen as tecnoloxías da información e comunicación. Naqueles casos nos que estas adaptacións non sexan suficientes, a lexislación prevé medidas extraordinarias como a adaptación curricular.

Avaliación e seguimento do alumnado

O protocolo recolle uns apartados específicos sobre a avaliación e o seguimento do alumnado nos que se establece prestar especial atención á avaliación inicial de cada alumno co fin de determinar o seu nivel de competencia e, deste xeito, poder elaborar unha programación específica de aula atendendo ao seu nivel de desempeño. Trátase de personalizar a avaliación adaptándoa ás peculiaridades dos nenos e asegurando a súa concordancia coa metodoloxía de aprendizaxe.

Canto ás accións de seguimento, establécese unha avaliación trimestral na que se valoren as medidas de atención á diversidade que está a recibir o alumno en cada caso.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 16/04/2018