O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e o rexedor Jesús Vázquez, formalizaron esta mañá o acordo que permitirá dotar o municipio deste novo recurso
Xunta e Concello de Ourense asinan a cesión de terreos para a construción do novo centro residencial e de atención a persoas con discapacidade

A Administración autonómica convocará un concurso de ideas para dar forma ao proxecto construtivo do novo equipamento, que se erixirá nunha parcela de máis de 4500 metros cadrados no barrio de Barrocás

O centro ofrecerá unha atención integral e personalizada para colectivos con discapacidade física, psíquica e sensorial co obxectivo de favorcer o seu desenvolvemento integral e mellorar tanto a autonomía como as súas capacidades

Ourense, 16 de abril de 2018
  • whatsapp

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad, deron hoxe un paso decisivo para dotar a este municipio dun novo Centro residencial e de atención diúrna para persoas con discapacidade (CAPD). Ambos mandatarios asinaron o acordo polo que o concello cede á Administración autonómica unha parcela de uso dotacional público situada no barrio de Barrocás onde se erixirá este novo equipamento de referencia para colectivos con discapacidade física, psíquica e sensorial. No acto de sinatura tamén estivo presente a delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira.

Na súa intervención, o titular de Política Social indicou que tras a firma deste convenio “é o momento de mirar para adiante e seguir traballando conxuntamente as dúas administracións para que o centro satisfaga realmente as necesidades e demandas das persoas con discapacidade e dos seus familiares”. Neste sentido, engadiu que este acordo “quere dar cumprimento ás pretensións dos pais e nais cuxos fillos poderán ser futuros usuarios do novo recurso e na procura da mellor atención posible para os mesmos”.

Así pois, unha vez feita oficial a transmisión de terreos por parte da administración local, a Xunta de Galicia dará o seguinte paso, que consistirá na convocatoria dun concurso de ideas para dar forma ao proxecto e ao deseño tanto do futuro edificio como da contorna do centro. Ao respecto, Rey Varela avanzou que nas instalacións ofrecerase un apoio integral e personalizado, con actividades básicas da vida diaria e tratamentos especializados; ademais dunha rehabilitación continua e específica en función das necesidades de cada persoa usuaria. “O obxectivo é favorecer o desenvolvemento integral e, ao mesmo tempo, fomentar a autonomía e mellorar as capacidades das persoas usuarias”, apuntou.

O convenio de colaboración que o responsable da área Social do Goberno galego e o rexedor ourensán rubricaron coas súas firmas esta mañá, recolle que a parcela que o ente local pon a disposición da Xunta de maneira gratuíta ten unha superficie total de 4593 metros cadrados. A Consellería encargarase agora de proxectar e construír o CAPD, así como de dotalo do equipamento e instalacións axeitado para o desenvolvemento das súas funcións.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 16/04/2018