A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, presentou hoxe a orde destas axudas, que se publicará mañá martes no DOG
A Xunta subvencionará este ano un cento de proxectos de voluntariado para sensibilizar e formar en accións solidarias

A Administración autonómica investirá máis de 140.000 euros para este fin

Desde o 2016 participaron destas axudas 196 entidades e 8400 voluntarios con proxectos que beneficiaron en Galicia a máis de 230.000 persoas
 

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2018
  • whatsapp

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, presentou esta mañá a orde de axudas coas que a Xunta de Galicia prevé subvencionar este ano un cento de proxectos desenvolvidos por entidades de acción voluntaria de carácter privado. O obxectivo das mesmas é difundir o valor do voluntariado, fomentar o traballo en redes dos distintos colectivos e apoiar a súa modernización e adaptación á realidade social. A orde destas axudas publicarase mañá martes no Diario Oficial de Galicia.

A responsable autonómica sinalou que este ano manterase para este fin un orzamento, que ascende a 141.030 euros, semellante ao de edicións anteriores e lembrou que desde o 2016 participaron destas axudas 196 entidades e 8400 voluntarios con proxectos que beneficiaron en Galicia a 232.791 persoas.

Cecilia Vázquez destacou a importancia de manter esta sensibilización e formación dos colectivos de voluntariado nunha sociedade como a galega especialmente solidaria. “Somos a comunidade máis comprometida e con maior índice de participación tal e como recolle o último informe elaborado polo Observatorio de la Plataforma del Voluntariado en España, do 2016, e segundo corroboran os datos do Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia no que están inscritas 960 entidades nas que participan 41.126 persoas, que día a día aportan o seu tempo e dedicación á mellora da sociedade”, sostivo.

Poderán solicitar estas axudas as entidades de acción voluntaria de carácter privado e sen ánimo de lucro que realicen proxectos desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro sempre que se desenvolvan nestas áreas de sensibilización, formación e coordinación. Outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e os colectivos deberán estar inscritos no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia. As solicitudes terán que presentarase por medios electrónicos e o prazo de presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no DOG.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 16/04/2018