A Policía Autonómica leva a cabo 274 inspeccións para velar polo cumprimento da Lei de prevención de bebidas alcohólicas en menores

A Policía Autonómica, dende a entrada en vigor da Lei 11/2010, de prevención de bebidas alcohólicas aos menores de idade, leva a cabo diversos dispositivos policiais por toda a comunidade galega

  • whatsapp

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2018.- Axentes do grupo de Menores da Policía Autonómica levaron a cabo entre o 9 e o 15 de abril un total de 274 inspeccións de control en 35 concellos galegos.

Por parte dos distintos grupos de Menores da Policía Autonómica da Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Ourense, Lugo e Pontevedra, nesta pasada semana realizáronse 48 dispositivos de control de menores en risco de desamparo (absentismo escolar e consumo de alcohol/tabaco e drogas en menores de idade), nos concellos da A Coruña, A Laracha, Ames, Arteixo, Baiona, Burela, Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carral, Cerceda, Culleredo, Ferrol, Lalín, Lugo, Marín, Mondariz, Mos, Nigrán, Poio, Ponteareas, Pontevedra, Porriño, Ordes, Ourense, Santa Comba, Santiago de Compostela, Sarria, Teo, Tui, Val do Dubra, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Vilamarín e Vilanova de Arousa.

Como resultado do dispositivo levado a cabo, foron identificadas 190 persoas e inspeccionadas 274 zonas de ocio, locais e centros comerciais. Levantáronse 33 actas de infracción, das cales 19 foron por venda de alcol e 5 por consumo de alcol; ás que se suman outras 9 relacionadas co tabaco: 5 por consumo e 4 por venda.

A Policía Autonómica, dende a entrada en vigor da Lei 11/2010, de prevención de bebidas alcohólicas aos menores de idade, leva a cabo diversos dispositivos policiais por toda a Comunidade Galega, para velar polo cumprimento da mesma e previr o consumo deste tipo de bebidas polos menores de idade.

Nestes dispositivos, ademais das denuncias pola infracción da Lei 11/2010, tamén se informa aos propietarios dos locais do seu contido, das actuacións que deben levar a cabo para o cumprimento da mesma e evitar o consumo de alcol entre os menores de idade, así como, que por parte da Policía Autonómica se continuará coas actividades necesarias para velar polo cumprimento da norma.