O presidente da Xunta participou este mediodía na presentación pública do proxecto de ampliación do barrio de San Paio de Navia
Feijóo destaca a ampliación de San Paio de Navia, con 1600 vivendas protexidas, como a maior oportunidade para adquirir un inmoble en Vigo nos próximos anos e para a dinamización do sector

Afirma que, a pesar da anulación xudicial do PXOM en 2015, este proxecto permite un desenvolvemento urbanístico en Vigo planificado de forma ordenada, sustentable e inclusiva

Salienta que cun orzamento de 50 millóns, esta iniciativa busca una dinamización de 250 millóns no desenvolvemento urbanístico e residencial

Expón a necesidade de contar coa dilixencia necesaria da Administración local para que o vindeiro ano poidan comezar as obras que transformarán en realidade este proxecto

Insiste en que, ademais dos investimentos, a Xunta puxo todos os recursos ao seu alcance para evitar que as actuacións de interese xeral na cidade quedasen paralizadas pola falta de planeamento municipal, como a ampliación de Citröen

A conselleira precisa que este proxecto tamén contribuirá a paliar o déficit de aparcamento no barrio, posto que se construirán o triplo de prazas que de vivendas

Vigo, 16 de abril de 2018
  • whatsapp

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a ampliación do barrio de San Paio de Navia, con 1.600 novas vivendas protexidas, como a maior oportunidade para adquirir un inmoble en Vigo nos vindeiros anos e para a dinamización económica para o sector, moi castigado pola crise e e especialmente na cidade olívica como consecuencia da anulación do planeamento.

Durante o acto de presentación pública do proxecto, Feijóo afirmou nun primeiro termo que, a pesar da anulación xudicial do Plan xeral de ordenación municipal en 2015, e sen iniciarse aínda a elaboración dunha nova ferramenta urbanística, este proxecto está planificado de forma que permite un desenvolvemento urbanístico ordenado, sustentable e inclusivo: 250.000 metros cadrados de solo residencial que, cun orzamento de 50 millóns de euros, busca unha dinamización de 250 millóns no desenvolvemento urbanístico e residencial.

Logo de trasladar a necesidade de que o Concello aprobe definitivamente a modificación do plan parcial elaborado pola Xunta, Feijóo expuxo a necesidade de contar coa dilixencia necesaria da Administración local para que o vindeiro ano poidan comezar as obras que transformarán en realidade este proxecto.

Así mesmo, o responsable do Executivo autonómico garantiu o compromiso de seguir sendo a Administración que máis inviste en Vigo, con dúas grandes obras na última década, como son o gran hospital público e a depuradora, con 200 millóns de euros cofinanciados entre o Goberno central e a Xunta. “E agora temos tres proxectos na cidade, que xa estamos a executar, como son a Cidade da Xustiza, a estación intermodal e estas 1600 vivendas para finalizar o barrio de San Paio de Navia”, aseverou.

Por último, insistiu en que, ademais dos investimentos, o Goberno galego puxo todos os recursos ao seu alcance para evitar que as actuacións de interese xeral na cidade quedasen paralizadas pola falta de planeamento municipal, a través dunha lei autonómica que permitiu, por exemplo, a reforma reforma en marcha do Ifevi, a ampliación de Citröen ou a estación intermodal.


Pola súa banda, a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, fixo fincapé no traballo da Xunta para impulsar esta ampliación, xa que a metade dos terreos xa están adquiridos; e o proxecto co que se acadará un barrio con máis vida está moi definido.
Vázquez Mourelle explicou que a maior parte destas vivendas estarán en edificios colectivos, situados próximos aos actuais bloques e 165 inmobles unifamiliares, que estarán máis preto da zona de construcións máis tradicionais de San Paio. Precisou que este proxecto tamén contribuirá a paliar o déficit de aparcamento no barrio, posto que se construirán o triplo de prazas que de vivendas.


Subliñou que a vivenda é unha prioridade para o Goberno galego, polo que no caso de Vigo, a Xunta segue impulsando o Consorcio Casco Vello, que xa obtivo importantes resultados na transformación do barrio histórico; e está contratando a construción de 62 vivendas de promoción pública, en Ignacio Grobas e na rúa Chantada, para as familias que máis o necesitan.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 16/04/2018