A Xunta crea as primeiras axudas destinadas á promoción de grupos e organizacións de produtores no ámbito agrario

O DOG publica hoxe esta nova orde a través da cal estas entidades creadas despois de 2014 poderán recibir ata 100.000 euros anuais durante cinco anos

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes a contar a partir de mañá
 

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2018
  • whatsapp

A Consellería do Medio Rural elaborou a primeira orde de axudas destinadas á creación de grupos e organizacións de produtores no sector agrogandeiro. Esta convocatoria que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) pretende establecer elementos de vertebración no ámbito agrario a través de estruturas asociativas con dimensión suficiente para afrontar iniciativas de transformación e comercialización directa, así como na elaboración de produtos de maior valor engadido. Para iso, a Xunta destina 1,5 millóns de euros a estas axudas, cofinanciadas nun 75% polo Fondo Europeo Agrario de Desarrollo Rural (Feader), e que chegarán ás asociacións de produtores cunha contribución anual dun máximo de 100.000 euros durante cinco anos, sempre que se vaian cumprindo os obxectivos marcados pola entidade.

Dende mañá (o prazo de presentación de solicitudes é dun mes), as organizacións de produtores recoñecidas oficialmente como tales dende o 1 de xaneiro de 2014 poderán solicitar estas axudas por vía telemática. Entre os requisitos están o de que o tamaño da entidade non supere a categoría de peme e entregar un plan empresarial dun máximo de cinco anualidades durante os que se compromete a manter as condicións de recoñecemento como agrupación ou organización de produtores.

As subvencións son en réxime de concorrencia competitiva e establécense distintos criterios de prioridade como o sector (o lácteo e o da planta e flor teñen prioridade con ata 5 puntos), que teñan sistemas de xestión ambiental ou de calidade avalados con normas ISO e o volume de comercialización que establezan no último ano do seu plan de negocios. Así mesmo, tamén se terá en conta o número de socios da organización de produtores, o ámbito territorial que ocupa e que comercialicen produtos galegos de calidade certificada con algunha indicación xeográfica ou denominación de orixe.

O obxectivo último desta nova orde de axudas é facilitar a creación de agrupacións e organizacións de produtores coa intención de fomentar a adaptación da produción e o rendemento dos produtores ás exixencias do mercado, así como a comercialización conxunta dos produtos.

Data de actualización: 16/04/2018