O Gaiás convida as familias a gozar este sábado dunha divertida tarde en familia e ao aire libre con ‘Cidade Imaxinaria Primavera’

Trátase dunha xornada gratuíta, que encherá a Cidade da Cultura de diversión con espectáculos, música, obradoiros e xogos polo Día Internacional do Circo

Grandes e pequenos gozarán de catro horas ininterrompidas de actividades con zonas para o descanso e postos de petiscos e larpeiradas para a merenda

Haberá un reforzo do servizo de bus urbano que conecta co centro de Santiago e mantense a cita tradicional do verán de Cidade Imaxinaria para o 25 de agosto
 

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2018
  • whatsapp

A Cidade da Cultura de Galicia convida as familias a vir este sábado, 21 de abril, á Cidade Imaxinaria Primavera, a réplica idéntica da tradicional xornada lúdica que desde hai oito anos se celebra todos os agostos na Cidade da Cultura de Galicia e que, este ano, se convoca tamén nesta estación para festexar a chegada do bo tempo e a posibilidade de gozar dunha divertida tarde familiar ao aire libre.

De entrada libre e de balde, Cidade Imaxinaria Primavera recolle o espírito de diversión e festa da cita tradicional da cita do verán —que este ano se celebrará o 25 de agosto— e ofrece catro horas ininterrompidas (de 16 a 20 horas) de espectáculos, música e xogos, nos que mergullarse na ilusión e fantasía circenses á quen se homenaxea xa que esta programación celébrase no Día Internacional do Circo.

Malabaristas, trapecistas, equilibristas, saltimbanquis e clowns conquistarán todos os recunchos da Praza Central da Cidade da Cultura, compartindo espazo e programación con músicas, danzas, xogos, teatro e fabulosas historias en formato de contacontos ou de representacións con monicreques.

Xogos e espectáculos de circo, maxia e danza

Espectáculos e obradoiros de novo circo, clowns e maxia cos que grandes e pequenos poderán gozar dunha tarde en familia na Cidade da Cultura, e que se verá completada por divertidas actuacións itinerantes, entre as que se atopan concertos á carta de antropomorfos caracois en bicicleta ou enxeñosas e virtuosas coreografías de danza en xigantescos zancos.

A Praza Central do Gaiás fará tamén un oco para que se instale unha caravana, que abrirá as súas portas á cativada para viaxar, a través de cancións, contacontos, monicreques e moitas risas, por relatos a prol da igualdade e que procuran, arrincando moitos sorrisos, rachar, desde a infancia, cos estereotipos sexistas.

A programación ininterrompida de catro horas de Cidade Imaxinaria Primavera tamén permitirá que nenos e nenas participen e se marabillen xuntos coas súas familias en imaxinativas propostas como treboadas de confeti de cores dentro dunha gran burbulla xigante.

Espectáculos de diversión innovadores que se dan a man, nun mesmo espazo, con xogos tradicionais como os de Hélder, simples trebellos de corda e madeira que ao longo do tempo atrapan e cativan o todos os que os proban, independentemente da idade.

Zona de petiscos e unha guía de actividades

Cidade Imaxinaria Primavera contará, ao igual que na cita tradicional do verán, con zonas de lecer para tomarse un descanso ou repor enerxías con postos de petiscos e larpeiradas e con reforzo no servizo de buses que se suman ás habituais Liñas 9 e 11, que conectan o Gaiás co centro de Compostela para facilitar vir gozar desta xornada festeira.

Para que as familias non se perdan nada da ampla e variada programación de Cidade Imaxinaria Primavera, na páxina web da Cidade da Cultura —www.cidadedacultura.gal— cóntase cunha guía que informa polo miúdo de cada unha das actividades, os seus horarios e tamén a súa localización.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 17/04/2018