A Xunta aprobará este ano o primeiro Plan de dinamización da lingua galega na xuventude

O conselleiro de Cultura e Educación e a directora xeral de Xuventude presentaron hoxe o documento marco co que se traballará con axentes e institucións implicadas para a elaboración final do plan
 

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2018
  • whatsapp

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; presentaron hoxe o documento marco do que vai ser o primeiro Plan de Dinamización da Lingua Galega na Mocidade, en palabras do responsable do departamento educativo da Xunta de Galicia, “o tronco sobre o que imos traballar Xunta de Galicia e sectores máis directamente implicados”. O obxectivo do Goberno galego é que este plan estea aprobado a fin deste ano 2018, unha vez recollidas as achegas de todos os axentes implicados, así como despois de ser analizado no Consello da Cultura Galega, na Real Academia Galega e no Parlamento de Galicia.

Román Rodríguez explicou que desde o primeiro momento foi vontade da Xunta de Galicia facer da elaboración do plan un proceso participativo e aberto, co fin de crear unha folla de ruta realista e útil, que permita coordinar e facer máis efectivas as accións que se desenvolvan cun obxectivo común, o de incrementar o uso do galego por parte da mocidade. “Os mozos e as mozos son o futuro e, por tanto, os que poden garantir o futuro da lingua galega”, sinalou o conselleiro.

Áreas e medidas

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia lembrou ademais que neste momento o sistema educativo garante o coñecemento do galego, coas porcentaxes de coñecemento máis elevadas da historia nas distintas competencias (entender, falar, ler e escribir). Tamén en todas elas temos os índices máis altos das linguas cooficiais de España. Agora é o momento de fomentar o uso, debemos apostar por ir máis aló do ámbito educativo, creando situacións contextos e actitudes que favorezan o feito de optar pola lingua propia de Galicia en todos os ámbitos da vida dos máis novos. Neste sentido, explicou que o plan busca dar visibilidade ao galego en 9 áreas, nomeadamente asociacións, deporte, lecer (concertos, espectáculos..), industrias culturais, formación continua, comunicación dixital e redes sociais, ensino, familia e emprego e emprendemento.

Dentro delas, proporanse medidas como o establecemento de acordos cos clubs deportivos para que incorporen a lingua galega ás súas comunicacións, a promoción dunha oferta competitiva de produtos culturais e audiovisuais en galego traducidos, o impulso da transmisión de galego aos fillos nas Escolas de Nais e Pais, o apoio e recoñecemento aos proxectos dixitais que publiquen integramente en galego, o apoio ás opcións dos “neofalantes” como novos usuarios do noso idioma ou o aproveitamento das potencialidades do galego no mundo lusófono á hora de emprender e crear emprego, entre outras

Participación

Pola súa banda, a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, destacou a importancia que ten este primeiro plan de dinamización para “seguir fomentando o uso do galego entre a xente nova nos ámbitos académico, laboral, familiar e nas relacións interpersoais”. Nesta liña, fixo fincapé no feito de que se trate dun documento participado polas entidades que desenvolven a súa actividade no campo xuvenil e apuntou que para obter uns resultados satisfactorios na aplicación do mesmo cómpre a implicación de todos os sectores implicados.

Ademais, Cecilia Vázquez reiterou que o obxectivo “é aumentar a presenza do noso idioma entre a xente nova”, para o que avogou por “continuar potenciando unha oferta asociativa, así como de programas e actividades tanto de lecer como formativas en galego”.

Segundo plan parcial

Este será o segundo plan parcial de dinamización da lingua galega derivado do Plan xeral de normalización da lingua galega (PXNLG) tras o elaborado, tamén polo actual Goberno da Xunta, para a dinamización do galego no tecido económico, que se aplica desde o ano 2016.

Deste xeito, desenvólvese o establecido no PXNLG no referido ao sector social da mocidade, para o que propón obxectivos e medidas dirixidas a impulsar o uso do idioma propio de Galicia na xente nova, para estimular na xuventude actitudes favorables que se traduzan nun uso xeneralizado do galego, superando vellos prexuízos; fomentar todo tipo de creatividade de base en galego, como forma lúdica de galeguización e de creación de mercado cultural; e garantir que en galego haxa unha oferta ampla, diversificada, competitiva e atraente de produtos de cultura.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 17/04/2018