A Xunta convoca as mesas de traballo para fixar os retos e as oportunidades do turismo rural para Galicia

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, participou na mesa de traballo do xeodestino Terras de Santiago

Impulsado por Turismo de Galicia, ese documento permitirá fixar as estratexias dun segmento turístico en alza, que acumula catro anos de crecemento

Estas mesas de traballo inclúense no deseño do Plan Estratéxico de Turismo Rural de Galicia
 

Arzúa (A Coruña), 17 de abril de 2018
  • whatsapp

Cumprindo coa Estratexia do turismo de Galicia 2020 e tras a adxudicación da elaboración do Plan Estratéxico do Turismo Rural de Galicia, a Xunta continúa esta semana na provincia de A Coruña o traballo de campo para avanzar no deseño deste novo documento. A intención é fixar as liñas, retos e oportunidades futuros dun segmento turístico en alza que acumula catro anos consecutivos de crecemento de demanda permitíndolle marcar en 2017 un máximo histórico con preto de 450.000 noites e 200.000 viaxeiros.

Esta semana comezaron as quendas na provincia de A Coruña. O xeodestino Rías Altas acolleu as súa respectiva xornada de traballo onte. O xeodestino Costa da Morte celebrará a súa xornada o vindeiro xoves.

Hoxe foron os profesionais e entidades locais do xeodestino Terras de Santiago os que mantiveron unha sesión de traballo en Arzúa, á que asistiu o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, que puso en valor a importancia do turismo rural como un valor en alza na nosa comunidade como creador de riqueza. Asimesmo, apuntou que a aposta polo turismo rural ten como obxectivo abrir novas posibilidades nas zonas menos desenvolvidas de Galicia.

Durante a xornada puidéronse obter datos cualitativos e cuantitativos sobre este xeodestino
que inclúe a cidade de Santiago de Compostela e que é un dos destinos turísticos de Galicia de maior volume e peso desde o punto de vista da demanda, co 20% o ano pasado. Da man dos axentes implicados coñecéronse cuestións como os servizos que ofrece, a mobilidade, a necesidade de dotación de infraestruturas, a situación de acceso a internet, a oferta enogastronómica e de actividades complementarias neste xeodestino, así como o peso dos establecementos rurais, entre outros temas.

Enquisas e entrevistas

Ás mesas celebradas en Ourense, Lugo e na Coruña sumaranse as que terán lugar esta semana na provincia de Pontevedra nos xeodestinos Deza-Tabeirós e Rías Baixas. En total, programáronse 15 sesións de traballo por boa parte da xeografía galega durante este mes de abril para levar a cabo unha labor participativa de escoita activa ao sector.

Xunto a estas sesións de traballo, estas primeiras fases de elaboración do Plan Estratéxico de Turismo Rural de Galicia realizaranse enquisas aos establecementos de turismo rural, así como entrevistas individuais e presenciais. Tamén se recompilará a opinión de expertos e especialistas do sector académico, persoal das denominacións de orixe de alimentos e consellos reguladores do viño, así como representantes de asociacións de turismo rural, turismo activo, gastronómicas, de enoturismo, Rutas do Viño e rutas BTT.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 17/04/2018