Medio Rural destinou 26.000 euros á rehabilitación integral da ponte medieval de Pedroso en Rodeiro

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra supervisou hoxe estas actuacións que permitiron poñer en valor unha ponte imprescindible para os peregrinos que fan o Camiño de Inverno

Rodeiro (Pontevedra), 17 de abril de 2018
  • whatsapp

A Consellería de Medio Rural, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), investiu un total de 26.000 euros para a rehabilitación integral da ponte medieval de Pedroso en Rodeiro.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, supervisou esta mañá, en compaña do alcalde de Rodeiro, Luis López Diéguez, estas actuacións que permitiron a posta en valor desta ponte medieval que é un paso imprescindible para os peregrinos que fan o Camiño de Inverno, catalogado como oficial na última Lei de Patrimonio Cultural de Galicia de maio de 2016.

A ponte ten un especial valor tanto dende o punto de vista turístico como cultural, ao ser unha das máis antigas deste concello. “De feito, para garantir o coidado da ponte, e seguindo as indicacións da Dirección Xeral de Patrimonio, os traballos leváronse a acabo de forma manual e artesanal”, explicou Cores Tourís.

As obras consistiron na limpeza da maleza adherida á ponte a través de medios manuais, así como a limpeza da pedra e a consolidación daquelas que estiveran en mal estado. Tamén se levou a cabo a retirada da maleza invasora do entorno desta infraestrutura.

Tal e como explicou o delegado territorial, no ano 2017, Agader, a través dunha liña específica para levar a cabo convenios senlleiros actuou nunha serie de elementos patrimoniais co fin de orientalos a promoción turística do rural, xunto coa valorización cultural de ditos elementos. Así, restauráronse as pontes de Almofrei e San Lourenzo de Cerdedo-Cotobade e a da Carixa en Vila de Cruces, xunto a que hoxe se visitou en Rodeiro.

“O potencial turístico e cultural das zonas que foron obxecto da restauración veuse reforzado por esta actuación, que xunto co plan de difusión que os concellos e a propia Xunta levan a cabo na promoción de ditos elementos, convértenos nun lugar de visita obrigada a peregrinos e turistas”, engadiu Cores Tourís.

Precisamente, no caso de Rodeiro, a ponte potencia o Camiño de Inverno, que comeza en Ponferrada e segue o curso natural do río Sul pola comarca de Valdeorras e posteriormente polo Deza ata chegar a Compostela. “En total, 250 quilómetros que se está facendo máis coñecido cada vez dentro dos camiños xacobeos”, rematou o delegado territorial.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 17/04/2018