Ovidio Rodeiro visitou a exposición “O Camiño a Viena” con 48 debuxos de 22 escolares de todo o mundo na Biblioteca Anxo Casal de Santiago

O delegado territorial da Coruña estivo acompañado polo Presidente da Fundación Paz e Cooperación, Joaquín Antuña, organizadora desta actividade

A exposición ten como obxectivo reflectir os valores compartidos e os ideais de Nacións Unidas para conseguir un mundo non violento, xusto e solidario

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2018
  • whatsapp

O delegado territorial da Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá a exposición “O Camiño a Viena” que está aberta dende o pasado 10 de de abril na Biblioteca Anxo Casal de Santiago de Compostela. No percorrido estivo acompañado polo Presidente da Fundación Paz e Cooperación, Joaquín Antuña, organizadora desta actividade coa colaboración da Xunta de Galicia e Galicia Dixital.

A exposición recolle 48 debuxos de escolares de todo o mundo de 22 países que reflicten os valores compartidos e os ideais das Nacións Unidas, que deberían inspirar á mocidade para conseguir un mundo non violento, xusto e solidario.

“O Camiño a Viena” é o resultado do Premio Escolar convocado pola Fundación Paz e Cooperación que nesta edición tivo por lema “Mirando ás estrelas – O futuro do mundo”. Este premio convocouse en Viena-Nacións Unidas-na Semana do Espazo, en outubro de 2016, conxuntamente coa Oficina do Espazo Exterior de Nacións Unidas e a Representación Permanente de España en Viena.

As obras que se poden atopar na exposición son moi coloristas e reflicten diversas técnicas moi sorprendentes pola temática e pola sensibilidade dos seus autores. Algunhas das máis chamativas son de gran formato e evidencian contornos de guerra nos que viven os seus autores o que repercute no efecto que provocan ao visitante. Entre as obras expostas destacan algunhas relacionadas co Quixote ou temáticas como a Paz e Guerra.

A exposición, que xa estivo presente en Alicante, Madrid ou Zaragoza, poderá visitarase no vestíbulo da Biblioteca ata o próximo 23 de abril, e despois será distribuída por diversas dependencias deste centro, en horario habitual da Biblioteca de 8.00 a 20.00 horas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 17/04/2018