Balseiro participa na semana cultural do CPI Tino Grandío de Guntín, coa que colabora o museo de Viladonga

O delegado territorial da Xunta en Lugo visitou a exposición itinerante “Castros lucenses” e asistiu á presentación do obradoiro castrexo

Guntín (Lugo), 17 de abril de 2018
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, participou hoxe na Semana Cultural do Centro Público Integrado (CPI) Tino Grandío, de Guntín, coa que colabora o Museo do Castro de Viladonga.

O delegado aplaudiu esta iniciativa e gabou o dinamismo do centro, que fai partícipe a todo o seu alumnado das actividades extraordinarias que comezaron onte cun obradoiro de experimentos científicos e outro de robótica. “É un xeito lúdico de introducir outros contidos que completan a aprendizaxe das aulas”, sinalou.

Durante a visita, Balseiro estivo acompañado pola xefa territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en Lugo, Mariña Gueimunde; a xefa do Servizo de Coordinación da Área Cultural, María José Gómez, e a directora do colexio, María Teresa García, entre outros.

O Museo de Viladonga inaugurou hoxe no colexio a exposición itinerante “Castros lucenses”, producida en colaboración co Servizo de Arqueoloxía da Delegación Territorial, e desprazou a varios técnicos para dirixir un obradoiro castrexo e facer unha presentación do museo e do seu contexto cultural aos nenos e nenas de ata terceiro curso de Primaria.

Mañá realizarán unha presentación dirixida ao resto de alumnado de Primaria e aos da ESO, que tamén participarán nun obradoiro de numismática.

Balseiro destacou o labor didáctico que desenvolve o museo, tanto nas súas propias instalacións como a través de actividades como a programada no Tino Grandío, con material adaptado a cada nivel de ensinanza para facilitar a comprensión dos seus fondos arqueolóxicos e do castro. Neste sentido, o delegado afirmou que “coñecer o noso pasado é fundamental para valorar e coidar o noso patrimonio cultural”.

Á marxe destas actividades en torno ao museo de Viladonga, o colexio organiza tamén ao longo da semana obradoiros de ciencia e de programación, concursos literarios, unha charla de prevención de incendios e unha actuación, entre outros actos.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 17/04/2018