Pedro Duque, astronauta da Axencia Espacial Europa (ESA), inaugurará a maior feira educativa STEM de Galicia

STEMlab Galicia, que se celebrará este venres en Santiago, contará cunha área de exhibición de proxectos de 18 centros e espazos maker para estudantes e familias

Asistirán máis de 3.000 alumnos e alumnas a este evento, que se enmarca na estratexia da Consellería de Educación Edudixital 2020, a máis ambiciosa de todo o Estado para fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas
 

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2018
  • whatsapp

O astronauta da Axencia Espacial Europea (ESA) Pedro Duque será o encargado de inaugurar a maior feira educativa STEM de Galicia, que baixo nome de STEMlab Galicia, celebrarase este venres no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela. O evento, que organiza a Consellería de Cultura e Educación por primeira vez, busca poñer en valor os diferentes proxectos que están realizando os centros galegos no ámbito STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas).

De feito, un total de 18 centros exhibirán as súas iniciativas e, ademais, haberá espazos maker para alumnado e familias, así como conferencias de relatores de prestixio como o científico Ángel Carracedo e a directora do CINBIO, África González. O día seguinte, sábado 21, celebrarase unha xornada de formación específica para o profesorado.

Robots, drons ou 3D

A feira STEMlab Galicia nace co fin de mostrar o traballo innovador que están realizando os centros no ámbito STEM, uns proxectos vinculados coas accións e dotacións de equipamento da Consellería. En concreto, haberá exhibicións con robots, drons, prácticas 3D, de programación, clubs de ciencia ou iniciativas vinculadas co espazo, entre outras. Aínda que moitos dos proxectos teñen unha compoñente científico-tecnolóxica clara, tamén é importante salientar o seu uso social, posto que moitos tratan de mellorar o benestar dos cidadáns.

Os 18 centros que expoñerán os seus traballos son o CPI de Atios (Valdoviño), CPI Virxe da Cela (Monfero), IES David Buján (Cambre), IES de Ortigueira (Ortigueira), IES Urbano Lugrís (Malpica), IES de Fene (Fene), CPI a Xunqueira (Fene), CIFP Ferrolterra (Ferrol), IES de Meaño (Meaño), IES Xulián Magariños (Negreira), IES Fraga do Eume (Pontedeume), CEIP Ponte dos Brozos (Arteixo), CEIP de Laredo (Redondela), CEIP Santo Paio de Abaixo (Redondela), IES Xunqueira II (Pontevedra), CEIP Valle Inclán (O Grove), CEIP de Noalla-Telleiro (Sanxenxo) e o IES Francisco Daviña Rey (Monforte).

Toda a información do evento pode consultarse no web www.stemlab.gal

Pedro Duque

O astronauta da ESA Pedro Duque participará na inauguración do venres ás 10:45 horas. Posteriormente, visitará os stands da feira e intercambiará impresións cos alumnos e docentes presentes. Prevese unha asistencia á feira, contando a xornada de mañá e de tarde, de máis de 3.000 mozos e mozas.

Pedro Duque (14 de marzo de 1963) é enxeñeiro aeronáutico pola Universidade Politécnica de Madrid (Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Aeronáuticos). Ademais, é académico correspondente da Real Academia de Enxeñaría de España desde abril de 1999.

En maio de 1992 foi seleccionado para formar parte do Corpo de Astronautas da ESA con base no Centro Europeo de Astronautas en Colonia (Alemaña). Tras prepararse na Cidade das Estrelas de Moscú e en Estados Unidos, Duque converteuse no primeiro astronauta de nacionalidade española en viaxar ao espazo en 1998, ao que volveu en 2003. En total, interveu en catro voos espaciais, o que o define como especialista na adaptación de experimentos para a súa realización en naves espaciais e na organización de tarefas e procedementos para a súa operación tanto desde terra, como desde o espazo.

Despois do seu último voo espacial, a ESA enviouno como Director de Operacións do Centro Español de Apoio a Investigadores e Operacións para a Estación Espacial, adscrito ao Instituto de Microgravedad Ignacio de Riva da Universidade Politécnica de Madrid. Tras uns anos en excedencia, Duque regresou á ESA en 2011, onde retomou o seu posto de astronauta e mantén as cualificacións para un posible novo voo espacial. Actualmente é responsable do control e revisión de proxectos futuros.

Ademais da súa prolífica carreira profesional, recibiu múltiples recoñecementos tanto no propio país como no exterior. En marzo de 1995 recibiu a Orde da Amizade de Rusia; en febreiro de 1999 o Rei de España impúxolle a Gran Cruz ao Mérito Aeronáutico; e en outubro dese mesmo ano outorgóuselle o Premio Príncipe de Asturias á Cooperación Internacional, xunto cos astronautas Chiaki Mukai, John Glenn e Valery Polyakov.

Para máis información pode consultarse o seguinte enlace http://www.esa.int/esl/ESA_in_your_country/Spain/Pedro_Duque3.

Fomento das vocacións STEM no alumnado

O compromiso da Consellería co fomento das vocacións STEM entre o alumnado queda recollido na Estratexia galega para a educación dixital, Edudixital 2020, que conta cun orzamento de 50 millóns de euros ata 2020. Precisamente, este plan céntrase na potenciación do proxecto dixital nas aulas –E-Dixgal ou libro dixital– e no fomento dos coñecementos científico-tecnolóxicos, o que a sitúa como a estratexia STEM máis ambiciosa de todo o Estado e unha das máis significativas de Europa.

Neste sentido, cómpre lembrar que no curso pasado 2016/17 entregáronse kits de Robótica en todos os centros de secundaria. Tras o éxito desta medida, no curso actual optouse por estender os kits tamén a primaria, que chegan a máis de 10.000 alumnos de 4º, 5º e 6º de Primaria de 111 centros. A maiores, na actualidade hai máis de 5200 matriculados en Programación, Robótica e Identidade dixital (esta última pioneira en España). Pola súa banda, os clubs de ciencia esténdense este ano a 30 centros e, por primeira vez o pasado outono, púxose en marcha a Semana STEM, un campamento científico-tecnolóxico dunha semana de duración no que participaron 300 alumnos, maioritariamente mozas.

Ademais, a Consellería dispón dun plan específico en robótica, programación e impresión 3D dirixido aos docentes vinculados ás ensinanzas tecnolóxicas. Desde xaneiro de 2017 realizáronse un total de 262 actividades neste campo, cun total de 2535 docentes participantes en preto de 5000 horas. Tamén se realizaron 174 actividades de formación nos centros da rede (cursos, xornadas, encontros) da mesma temática, con máis de 3000 horas e case 2400 docentes participantes.
 

Data de actualización: 17/04/2018