O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe nunha xornada organizada pola APD sobre “Empresa, talento e creatividade”
Conde anuncia que Galicia contará con dúas novas aceleradoras de alta tecnoloxía especializadas nos sectores da automoción e o biotecnolóxico

Precisa que, cun orzamento próximo aos 4M€, estarán cofinanciadas pola Fundación Incyde a través do programa Feder, segundo a resolución provisional publicada hoxe no BOE

Trátase da aceleradora BioIncubaTech, liderada pola USC, coa colaboración da Xunta, a Cámara de Comercio e Uninova para proxectos vinculados ao eido biotecnolóxico, alimentario e da saúde; e da aceleradora na que se vai colaborar coa Zona Franca para complementar a infraestrutura da Business Factory Auto

Salienta a importancia de que as empresas acheguen valor engadido a todo o que producen a través da innovación, e de que sexan quen de detectar necesidades nos clientes e satisfacelas de forma diferente a como o está a facer o mercado

Subliña que esta necesidade das empresas de ser máis innovadoras pon nun primeiro plano ás persoas, porque o verdadeiro capital dunha empresa reside tamén no coñecemento que albergan
 

Santiago, 18 de abril de 2018
  • whatsapp

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, anunciou hoxe que Galicia contará con dúas novas aceleradoras de alta tecnoloxía especializadas nos sectores da automoción e o biotecnolóxico, cofinanciadas pola Fundación Incyde a través dos fondos europeos Feder.

O investimento para ambas iniciativas será de preto de 4 millóns de euros e, segundo precisou o conselleiro, o BOE publica hoxe a resolución provisional desta convocatoria pola cal a Fundación Incyde, a través dos Feder, participará no seu cofinanciamento -máis de 2,6M€-.

O primeiro destes proxectos, a aceleradora BioIncubaTech, ten como obxectivo a incorporación de resultados de investigación ás empresas do sector biotecnolóxico e a microempresas dos sectores da saúde e as tecnoloxías alimentarias. Estará encamiñada á creación de micropemes de base tecnolóxica e de spin offs; á mellora da competitividade do tecido empresarial a través da transferencia de tecnoloxía; e ao acompañamento de empresas nos procesos de internacionalización.

Estará liderado pola USC, en colaboración coa Cámara de Comercio de Santiago, a asociación Uninova (Iniciativas Empresariais Innovadoras) e a Xunta a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), que achegará o 20% do financiamento. Ademais, contará coa participación de tres clústers (Bioga, Clusaga e o Clúster da Saúde) e porá equipamentos de investigación punteiros a disposición das empresas que participen na incubadora.


O segundo proxecto aprobado contempla a creación dunha aceleradora para o fomento da innovación e a transferencia de tecnoloxía ás micropemes do sector da automoción. Contará coa colaboración do Consorcio Zona Franca de Vigo e financiamento da Xunta a través do Igape, e permitirá dotar á aceleradora galega de referencia neste sector, a Business Factory Auto (BFA), dunha infraestrutura máis completa para o cumprimeto dos seus obxectivos, con equipamentos e servizos axeitados ás necesidades dos emprendedores.

Innovación e creatividade

O conselleiro fixo este anuncio durante a súa intervención na xornada “Empresa, talento e creatividade. Prácticas para diferenciarse na era do cambio”, organizada pola Asociación para el Progreso de la Dirección (APD) en colaboración coa Xunta. Conde salientou a importancia de que as empresas acheguen valor engadido a todo o que producen a través da innovación, e sinalou que deben ser capaces de detectar necesidades nos clientes e satisfacelas de forma diferente a como o está a facer o mercado.

Nunha economía global onde a oferta é moi ampla pero tamén moi homoxénea, recoñeceu a necesidade de recorrer ao talento e á creatividade para ofrecer novos produtos e servizos verdadeiramente atractivos para o consumidor. O conselleiro referiuse aos cambios que a tecnoloxía está a provocar na sociedade e na industria, e á rapidez á que se producen; e, nese sentido, apuntou que innovar non é cousa dun só día senón que debe ser un esforzo constante e a longo prazo.

Segundo dixo, esta necesidade das empresas de ser máis innovadoras pon nun primeiro plano ás persoas porque o verdadeiro capital dunha empresa non reside só no capital físico, senón no capital de coñecemento que albergan.

Ao respecto, subliñou que a Xunta axuda ao tecido empresarial a atopar ese capital a través de medidas como o Plan Galicia Innova 2020, unha aposta por conectar o tecido produtivo cos centros de coñecemento; cos profesionais e proxectos que se desenvolven en centros tecnolóxicos e universidades galegas para que ese traballo científico-tecnolóxico que realizan estea orientado cara ao mercado e cara ao benestar das persoas.

Mencionou, tamén, os plans de formación en sectores estratéxicos e as Unidades Formativas en empresas como unha ferramenta para evitar a fenda xeracional na industria a causa da irrupción das novas tecnoloxías, e para adaptar os perfís profesionais á demanda do mercado.

E, finalmente, referiuse á Axenda Industria 4.0 e ao programa Galicia 1000 como o marco no que a Xunta recolle todo un paquete de medidas para axudar ás empresas a dar o salto tecnolóxico e a plantexarse novas estratexias comerciais. É dicir, medidas para converterse en empresas do século XXI con profesionais do século XXI.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 18/04/2018