A Xunta pon en marcha os obradoiros duais para facilitar a formación e o emprego de 2.000 persoas, especialmente no eido forestal e en áreas vinculadas á posta en valor dos camiños de Santiago

Precisa que estes obradoiros duais de emprego combinarán un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses cun contrato en prácticas durante un mínimo de tres meses

Salienta como novidades desta convocatoria que se abre ás entidades sen ánimo de lucro do sector forestal e que os concellos emprendedores terán prioridade para estas axudas

Incide en que os participantes nos obradoiros recibirán un certificado de profesionalidade con validez en toda España e terán acceso prioritario os desempregados con especiais dificultades de inserción laboral
 

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2018
  • whatsapp

O vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, avanzou hoxe a posta en marcha dos obradoiros duais para facilitar a formación e o emprego de 2.000 persoas, especialmente no eido forestal e en áreas vinculadas á posta en valor das rutas do Camiño de Santiago.

Durante a rolda de prensa do Consello, Rueda explicou que estes obradoiros duais de emprego combinarán un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses (que xa se ofrecía ata agora) cun contrato en prácticas durante un mínimo de tres meses máis, nunha empresa localizada no ámbito territorial onde se celebrase o obradoiro e que traballe en áreas vinculadas co seu contido.

O investimento desta convocatoria será de 30 millóns durante este ano e o vindeiro, un 50% máis que na convocatoria anterior, co obxectivo de mellorar a empregabilidade de 2.000 galegos.

A este respecto, Rueda precisou que estes obradoiros terán dous ámbitos prioritarios: o sector forestal, para o que se reservarán 5 millóns de euros para obradoiros relacionados coa cadea de valor do bosque, coa construción de infraestruturas para a prevención e extinción de incendios e coa vixilancia contra os lumes forestais. En segundo lugar, destinaranse 3 millóns de euros para obradoiros que teñan como obxectivo a conservación, reforma e posta en valor das rutas de peregrinación.

Así mesmo, outra das novidades desta convocatoria é que se abre ás entidades sen ánimo de lucro do sector forestal, xa que ata agora só podían concorrer a elas os concellos, asociacións de entidades locais e mancomunidades. Ademais, terán prioridade para estas axudas os concellos emprendedores.

Por último, cómpre salientar que os participantes nos obradoiros seguirán recibindo, ao remate da formación, un certificado de profesionalidade con validez en toda España. E terán acceso prioritario os desempregados con especiais dificultades de inserción laboral, nos que se inclúen os seguintes colectivos: mozos e mozas menores de 30 anos; emigrantes retornados; mulleres, especialmente as que sexan vítimas de violencia de xénero; parados que esgotasen a prestación; parados de longa duración; maiores de 45 anos; persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social; e, salvo os obradoiros de maior especialización, as persoas sen títulos universitarios ou de FP superior.

O vicepresidente da Xunta concluíu subliñando que estes obradoiros, que se porán en marcha a partir de setembro, terán unha tripla dimensión: mellorar a empregabilidade dos seus participantes; contribuír a mellorar as dotacións públicas e de uso público alá onde se desenvolven; e impulsar a colaboración institucional entre a Xunta e as entidades locais.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 19/04/2018