O titular da Xunta reuniuse esta mañá coa presidenta da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), Pilar Platero
Feijóo e a presidenta da SEPI avalían o impacto económico e de emprego que a construción das fragatas F-110 suporán para a factoría de Ferrol

A construción das cinco fragatas F-110 suporán un volume de contrato que alcanzará un importe aproximado de 4000 millóns de euros e xerará dez anos de traballo para a factoría de Ferrol

Os estaleiros da ría reforzarán ademais os seus niveis de ocupación coa finalización do sexto buque de acción marítima (BAM), xunto ao programa en curso dos buques loxísticos para Australia, entre outros

Feijóo e Pilar Platero analizaron tamén os últimos avances na internacionalización da empresa, a modernización dos centros coa incorporación de novas tecnoloxías e a aplicación dos principios do Estaleiro 4.0

O titular do Goberno galego reitera o pleno compromiso da Xunta co sector, reflectido, por exemplo, no eido da formación, co desenvolvemento dun plan de formación específico para o naval para cualificar 3000 traballadores

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2018
  • whatsapp

O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e a presidenta da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), Pilar Platero, avaliaron hoxe os plans de Navantia para Galicia, así como o Plan estratéxico que a SEPI está a ultimar para a compañía.

Durante unha xuntanza mantida hoxe en San Caetano, Feijóo e Pilar Platero abordaron, en primeiro lugar, o importante impacto que os orzamentos estatais, aínda pendentes de tramitación parlamentaria, terán sobre Navantia e, en concreto, sobre a ría de Ferrol. Non en van, a construción das cinco fragatas F-110 suporán un volume de contrato que alcanzará un importe aproximado de 4000 millóns de euros e xerará dez anos de traballo para a factoría de Ferrol, onde manterá ao redor de 7000 empregos anuais directos e indirectos.

Ademais do programa das fragatas, que xa ten reservados 250 millóns de euros consignados como anticipo financeiro nos Presupostos do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade, os estaleiros da ría reforzarán os seus niveis de ocupación coa finalización do sexto buque de acción marítima (BAM). A isto súmase o programa en curso dos buques loxísticos para Australia, a enxeñaría do buque de asalto anfibio para a Mariña turca e a colaboración no programa de fragatas para a Mariña australiana, ademais da actividade na área de enerxía eólica e de reparación de gaseiros.

O presidente da Xunta tamén avaliou con Pilar Platero as últimas novidades sobre o Plan estratéxico de Navantia que, nestes momentos, segundo explicou a presidenta da SEPI, se está a negociar cos sindicatos e que prevé unha carteira de pedidos de 11.000 millóns ata 2022.

Nesta liña, ambos os dous analizaron os avances na internacionalización da empresa, a modernización dos centros coa incorporación de novas tecnoloxías ou o desenvolvemento da dixitalización e a aplicación dos principios do Estaleiro 4.0.

Durante a xuntanza, o responsable do Goberno galego reiterou o pleno compromiso da Xunta co sector, reflectido, por exemplo, no eido da formación, co desenvolvemento dun plan de formación específico para o naval ao que se destinan 12 millóns de euros para cualificar 3000 traballadores.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/04/2018