O presidente da Xunta asistiu esta mañá á presentación deste proxecto na cidade olívica
Feijóo anuncia a creación do campus FP de Vigo, un proxecto pioneiro que será a mellor das pontes entre o sistema educativo e o sector industrial

Resalta que este campus, pioneiro a nivel nacional, servirá como referencia para outras iniciativas de mellora da formación profesional

Asevera que cunha oferta formativa coordinada, de calidade e axeitada ás necesidades da economía contribuirá a que o pulmón vigués siga impulsando o crecemento industrial de Galicia

Destaca que para acadar este obxectivo a Xunta contará coa colaboración da Universidade de Vigo e dos centros de investigación tecnolóxica da comarca, dos colectivos empresariais, e, sobre todo, do Consorcio da Zona Franca

Avanza que o núcleo deste campus, cuxa previsión é que estea rematado a finais de 2020, será bautizado como FP Hub, un centro de innovación e emprendemento que servirá de referencia a todos os centros de Galicia

Garante o compromiso da Xunta cunha FP sinónimo de innovación, de emprendemento e de emprego

Vigo, 24 de abril de 2018
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe a creación do Campus FP de Vigo, un proxecto pioneiro a nivel nacional que será a mellor das pontes entre o sistema educativo e o sector industrial, para que a mocidade da comarca e do resto de Galicia atopen un posto de traballo no tecido produtivo emprazado na zona.

Durante a presentación do proxecto, Feijóo aseverou que para acadar este obxectivo a Xunta contará coa colaboración da Universidade de Vigo e dos centros de investigación tecnolóxica da comarca, dos colectivos empresariais, e, sobre todo, do Consorcio da Zona Franca, un socio prioritario e necesario que exercerá de nexo entre os centros formativos e o tecido produtivo.

“Estamos, polo tanto, a impulsar un proxecto que servirá como referencia para outras iniciativas de mellora da formación profesional”, afirmou, ao que engadiu que o Campus FP será o corazón e o sistema circulatorio dos 16 centros que ofrecen formación profesional na comarca de Vigo, xa que desde el se modernizará a oferta formativa e a conexión co mundo da empresa e co tecido innovador, levando as novas ideas e a mellora na xestión a todos os centros da rede.

Ao longo da súa intervención, o presidente do Goberno galego avanzou que o núcleo deste campus, cuxas obras comezarán o ano que vén co obxectivo de que estea rematado a finais de 2020, será bautizado como FP Hub, un centro de innovación e emprendemento que servirá de referencia tanto aos centros da área de Vigo como a todos os centros de Galicia que soliciten o seu asesoramento.

Este centro contará con dúas áreas: a primeira, de investigación e innovación, encargada de desenvolver proxectos de I+D+i, identificar as necesidades do mercado laboral da comarca de Vigo e tramitar as patentes que se orixinen na FP viguesa. E, a segunda área, de emprendemento, incluirá un viveiro de empresas industriais, que facilitará e acompañará o nacemento de novas iniciativas empresariais.

O edificio do FP Hub, que estará situado no recinto do CIFP Manuel Antonio e o Centro Residencial Docente, contará cunha superficie de 4000 metros cadrados. E, para alcanzar as ambiciosas metas que se marca: a Xunta destinará 7,1 millóns para redactar o proxecto, financiar os equipamentos e sufragar os gastos de funcionamento e persoal; e a Zona Franca achegará 5,5 millóns para construír o edificio e impulsar os proxectos que nazan no centro.

Innovación, emprendemento, emprego e plurilingüismo


Ademais do FP Hub, Feijóo explicou que o proxecto de Campus FP incluirá ademais a creación da Rede de centros de Formación Profesional, que axudará a perfeccionar o funcionamento dos 16 centros que imparten ciclos na área de Vigo, unha das máis activas de Galicia: con 20 familias profesionais das 23 que se imparten en Galicia; 7200 alumnos e 600 profesores; e 6 proxectos de FP Dual, en colaboración con empresas líderes en sectores como o téxtil, a automoción e a biotecnoloxía.

Ao respecto, precisou que o traballo en rede permitirá combinar a autonomía de cada un destes centros, cunhas sinerxías que permitirán optimizar recursos e mellorar a oferta, para axeitala ás necesidades cambiantes do tecido empresarial “uniremos todas as capacidades da FP coas demandas das empresas desde o punto de vista industrial, faremos un campus onde empresas, profesores e alumnos traballen en tempo real para buscar a empregabilidade dos estudantes” abundou.

O presidente da Xunta concluíu garantindo o compromiso do Goberno galego cunha formación profesional sinónimo de innovación, de emprendemento e de emprego. E incidiu en que este Campus FP, cunha oferta formativa coordinada, de calidade e axeitada ás necesidades da economía, contribuirá a que o pulmón vigués siga impulsando o crecemento industrial de Galicia. Non en van, esta comarca move o 17% do PIB galego e a cidade de Vigo é a quinta de España con maior peso de emprego industrial.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/04/2018