A Xunta solicita á Comisión superior de dereito civil un informe sobre a posibilidade de regular a custodia compartida en Galicia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu hoxe o pleno deste órgano consultivo

Dáse así cumprimento á petición do Parlamento galego neste sentido
 

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2018
  • whatsapp

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu hoxe a reunión do pleno da Comisión superior para o estudo do desenvolvemento do dereito civil galego, un órgano consultivo da Administración autonómica nesta materia.

O principal punto da orde do día foi encargar á Comisión a elaboración dun informe para ditaminar se entre as competencias lexislativas de Galicia se pode incluír a regulación da custodia compartida ou se, polo contrario, é unha materia reservada á competencia exclusiva do Estado.

Segundo a Constitución Española, as comunidades autónomas con dereitos especiais poden conservar, modificar, e mesmo desenvolver o seu dereito propio. Neste último caso, a xurisprudencia do Tribunal Constitucional vén esixindo que exista unha conexión entre o que xa existe e a materia a desenvolver. Por iso, ante a dúbida de se a regulación da custodia compartida cumpriría ese criterio, encárgase este ditame.

A elaboración desta análise foi solicitada polo Parlamento Galego para determinar o posible encaixe dentro das competencias autonómicas da proposición de lei referida á corresponsabilidade parental, que foi admitida a trámite logo de presentarse como Iniciativa Lexislativa Popular.

Unha vez elaborado o informe, deberá someterse á aprobación do plenario da Comisión nunha nova sesión e requirirá do acordo da maioría dos presentes. Posteriormente, remitirase ao Parlamento galego.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 26/04/2018