A inspección de traballo permitiu este ano transformar en indefinidos un milleiro de contratos temporais de mulleres

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe en Santiago na xornada ‘Mercado laboral en Galicia. Perspectiva de xénero’

Destaca que a Xunta está a reforzar as actuacións para asegurar o cumprimento das normas de igualdade e non discriminación con campañas específicas sobre o control de elaboración e aplicación dos plans neste eido nas empresas

Indica que se está facendo fincapé na supervisión da fenda salarial para evitar cláusulas discriminatorias

Avalía as medidas postas en marcha polo Goberno galego a través de Emprega en feminino e sinala que, aínda que queda traballo por facer, Galicia está avanzando e conta cunha proporción maior de mulleres ocupadas que a media estatal
 

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2018
  • whatsapp

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, destacou hoxe a aposta da Xunta pola igualdade laboral a través do reforzo de medidas neste ámbito e a través do labor que está a facer a Inspección de Traballo e Seguridade Social para loitar contra a discriminación de xénero. Na súa intervención nunha xornada celebrada en Santiago sobre o mercado laboral en Galicia e a perspectiva de xénero sinalou que o labor da Inspección Laboral permitiu no que vai de ano a transformación en indefinidos de máis dun milleiro de contratos temporais de mulleres, é dicir, 10 ao día.

A secretaria xeral de Emprego apuntou que a mellora do mercado laboral feminino é unha prioridade para o Goberno galego e, por iso, avanzou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria está a reforzar este ano as actuacións para asegurar o cumprimento das normas de igualdade e non discriminación con campañas específicas sobre o control de elaboración e aplicación dos plans de igualdade nas empresas, facendo fincapé na supervisión da fenda salarial e da negociación colectiva para evitar cláusulas discriminatorias.

Deste xeito, Toca puxo en valor o traballo da Inspección de Traballo e Seguridade Social que, a través do seu Plan de Actividade para 2017, levou a cabo preto de 70.000 actuacións para garantir nas empresas a prevención de riscos laborais, un axeitado desenvolvemento das relacións laborais e das normas referidas ao ámbito da Seguridade Social e para loitar contra a economía irregular. Do total de actuacións realizadas o ano pasado, 3886 remataron cunha acta de infracción (5,5%). Un total de 38.926 correspondéronse coa campaña específica en materia de emprego non declarado ou economía irregular (55,7%), das que 2462 remataron cunha infracción. Grazas a esta campaña e, tal e como afirmou Toca, afloraron 3446 empregos en Galicia. Ademais, acadouse a conversión de 4859 contratos temporais en indefinidos.

Este ano, ademais de reforzarse as actuacións no eido da igualdade laboral, o obxectivo é incrementar nun 1,7% as actuacións en xeral, coas que se busca velar por que as condicións de traballo sexan as correctas para dar resposta e actuar fronte a calquera tipo de denuncia que poida supoñer a vulneración dos dereitos dos traballadores e traballadoras.

Para iso, a secretaria xeral de Emprego avanzou que proximamente reforzarase o cadro de persoal da Inspección de Traballo en Galicia para impulsar novas accións. En 2018, así mesmo, Toca apuntou que o Plan de Actividades da Inspección inclúe campañas informativas sobre as obrigacións básicas en materia laboral e de prevención de riscos laborais para todos aqueles emprendedores que contraten traballadores por conta allea. No que vai de ano, con datos pechados a 1 de abril, a Inspección realizou no primeiro trimestre do ano case 200 actuacións ao día.

O obxectivo último, en palabras de Toca, é seguir avanzando no traballo desenvolvido nos últimos anos, un labor que permitiu desde 2012 que afloraran en Galicia máis de 25.000 empregos e a conversión en indefinidos de case 22.000 contratos temporais.

Emprega en feminino

Para rematar, e no ámbito da igualdade laboral, a secretaria xeral de Emprego tamén destacou e avaliou as medidas postas en marcha polo Goberno galego a prol do emprego feminino, como os 71 millóns de euros destinados o pasado ano para facilitar a integración laboral das mulleres; ou como o programa Emprega en feminino que desde 2017 a 2020 destina 100 millóns de euros para incidir en ámbitos como o emprendemento, a innovación, a reincorporación ao mundo laboral ou o acceso a postos directivos.

Para a secretaria xeral de Emprego, a Administración debe actuar como panca para favorecer que a muller gañe presenza no emprendemento e na innovación e destacou o seu importante papel para que a economía creza e progrese. Sinalou que aínda que queda traballo por facer, Galicia está avanzando e conta cunha proporción maior de mulleres ocupadas que a media estatal (Galicia: 47,80%; España: 45,51%). Ademais, a Comunidade galega é a terceira Comunidade Autónoma que conta con maior proporción de ocupadas, detrás de Madrid e de Asturias.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 02/05/2018