A Xunta asina un convenio de colaboración co concello de Arteixo para formar a menores de 30 anos en socorrismo

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, presentou a iniciativa ‘Arteixo polo emprego xuvenil 2018’

Os alumnos e alumnas, que terán que estar inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil, poderán acceder a un certificado de profesionalidade en socorrismo en espazos acuáticos naturais

Marnotes salienta a importancia de adaptar os perfís profesionais aos novos requirimentos das empresas e destaca que a formación continua dos traballadores é clave para impulsar o emprego estable

Expón as medidas que está executando a Xunta para impulsar o emprego entre a mocidade galega, tres iniciativas nas que inviste 7,8 millóns de euros para beneficiar a 850 menores de 30 anos
 

Arteixo (A Coruña), 3 de maio de 2018
  • whatsapp

A Xunta vén de asinar hoxe co Concello de Arteixo un convenio de colaboración para ofrecer formación a menores de 30 anos sen emprego na especialidade de socorrismo en espazos acuáticos naturais. Os alumnos e alumnas, que terán que estar inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil, poderán acceder a través do curso de formación a un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, presentou o programa Arteixo polo emprego xuvenil 2018, que promove a Administración local co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria, co que se busca proporcionar á mocidade unha cualificación profesional que lle permita acceder con mellores condicións de empregabilidade ao mercado laboral.

Marnotes sinalou a aposta da Xunta pola formación para o emprego e a súa importancia para dar resposta aos novos perfís profesionais que está demandando o tecido produtivo galego cara ao desenvolvemento do novo modelo industrial e, polo tanto, para incrementar as oportunidades laborais das persoas sen emprego. Así mesmo, puxo en valor a colaboración coas administracións locais para desenvolver este tipo de iniciativas e mellorar a empregabilidade da mocidade galega co obxectivo de que poidan atopar un emprego o máis axustado posible aos seus perfís profesionais.

O director xeral expuxo, ademais, as ferramentas coas que conta o Goberno galego para impulsar a formación, entre as que destacou os cursos de formación para desempregados e as unidades formativas na empresa dirixidas a parados e ocupados, que permite ás compañías contar con persoal cualificado tras unha formación á carta, co apoio da Administración.

“A Xunta ten na formación unha ferramenta fundamental para impulsar entre os máis novos o seu acceso ao mercado laboral”, engadiu.


Impulso ao emprego xuvenil

Así mesmo, destacou os programas que vén de aprobar a Xunta este ano para impulsar o traballo entre os mozos e mozas galegos menores de 30 anos, tres iniciativas que suman 7,8 millóns de euros para beneficiar a 850 persoas: os obradoiros de emprego xuvenís para 352 mozos e mozas aos que a Administración autonómica destina 3,4 millóns de euros; a convocatoria de axudas Cooperación coas entidades sen ánimo de lucro cun orzamento de 2,5M€ para impulsar a contratación nestas asociacións de máis de 200 mozos e mozas; e o programa Emprega Xuventude (1,9M€) para incentivar a contratación de 300 menores de 30 anos a través dun bono de ata 7000€ co que se financia nas empresas a formación á carta dos traballadores e incentívase a súa contratación.

Este ano, como novidade, amplíase o programa Emprega Xuventude a todos os sectores de actividade (en 2017 limitouse ás empresas da Industria 4.0 e a agroalimentación). O bono formación de 2000 euros concédese ás empresas para que poidan impartir cualificación á carta e axustada ás súas necesidades, é dicir, a formación céntrase nas características do posto para o que é contratado o mozo ou moza. Nesta edición, como novidade, este bono será opcional. Ademais, para incentivar a contratación, outórgase, tamén ás compañías, un bono de 5000 euros para apoiar a contratación ao longo dun ano como mínimo. En xeral, as empresas poderán presentar as solicitudes a este programa ata o 30 de setembro.

En palabras de Marnotes, o obxectivo de Emprega Xuventude é impulsar o emprego estable e de calidade entre a mocidade, axudando ao tecido empresarial galego a gañar en competitividade ao dispoñer de persoas traballadoras axustadas as súas necesidades e contribuíndo a fixar poboación xuvenil nas vilas e cidades galegas.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/05/2018