A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou na inauguración do proxecto Mar das Illas, unha iniciativa dos GALPs de Vigo, Pontevedra e Arousa
A Xunta recibiu este ano case 200 solicitudes para desenvolver proxectos de dinamización e creación de emprego nas áreas costeiras de Galicia

Rosa Quintana trasladou que o seu departamento puxo a disposición do sector 11 millóns de euros para a posta en marcha de proxectos ao abeiro dos grupos de acción local do sector pesqueiro

Destacou que no ano 2017 se aprobaron 130 proxectos por valor de nove millóns de euros

Enxalzou a finalidade de Mar das Illas xa que abre vías de ingreso, emprego e revaloriza o coñecemento dos produtos pesqueiros e do traballo no mar

Vigo, 4 de maio de 2018
  • whatsapp

A Xunta recibiu este ano case 200 solicitudes para desenvolver proxectos de dinamización e creación de emprego nas áreas costeiras de Galicia. Así o adiantou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, esta mañá en Vigo, na inauguración do proxecto Mar das Illas, unha iniciativa posta en marcha polos grupos de acción local do sector pesqueiro de Vigo, Pontevedra e Arousa.

Para a posta en marcha deste tipo de proxectos, Rosa Quintana trasladou que o seu departamento puxo a disposición do sector 11 millóns de euros e, ao tempo, recordou que o ano pasado se aprobaron para este cometido 130 proxectos por valor de nove millóns de euros. Estas achegas, dixo a conselleira, concédense co propósito de xerar emprego mediante a cohesión territorial, a inclusión social e a mobilidade laboral nas comunidades costeiras.

A conselleira subliñou que iniciativas como a que hoxe se presenta “abren novas portas á diversificación económica para as zonas locais costeiras dependentes da pesca e pon en valor o patrimonio natural, cultural e gastronómico, converténdoo nun produto turístico de calidade”.

Así, Rosa Quintana sinalou que o proxecto Mar das Illas aposta polo turismo mariñeiro como un novo modelo de negocio para o sector, “que atende con mimo a sustentabilidade, o coidado do medio ambiente e a valorización da nosa cultura e tradición”. Unha iniciativa, explicou, que fomenta o emprendemento entre os colectivos mariñeiros locais como alternativa de negocio.

Finalmente, Rosa Quintana eloxiou o traballo feito polos GALPs de Vigo, Pontevedra e Arousa pola posta en marcha dun proxecto que “permitirá vender experiencias mariñeiras, ensinar o noso patrimonio e cultura e reforzar a nosa oferta turística”.

Mar das Illas

O principal obxectivo do proxecto consiste en promover a actividade do turismo mariñeiro entre os profesionais do mar e seus familiares nas Rías Baixas, especialmente no ámbito do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas. Esta promoción realizarase a través do desenvolvemento de actividades e formación como intérpretes do patrimonio marítimo‐costeiro, facendo especial fincapé no Parque Nacional.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 04/05/2018