A Xunta destaca que os incentivos á contratación favorecen que as pemes sigan crecendo impulsando o crecemento económico

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, visitou hoxe en Santiago a empresa S&R Automotor SC, que centra o seu labor na reparación de maquinaria agrícola, vehículos industriais e turismos

Animou ás empresas galegas a solicitar os apoios da Administración autonómica para crear emprego

As axudas para a contratación nas pemes, que suman 4,2 millóns, poden solicitarse ata o 15 de outubro

O Goberno galego busca impulsar en 500 pemes a contratación de 550 desempregados con máis dificultades para atopar un emprego con apoios que poden chegar aos 8000 euros

O prazo de inscrición dos apoios para o fomento e a consolidación do emprego paras as pequenas empresas de nova creación está aberto ata o 31 de xullo
 

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2018
  • whatsapp

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, visitou hoxe en Santiago a empresa S&R Automotor SC que centra o seu labor na reparación de maquinaria agrícola, vehículos industriais e turismos. Toca sinalou que as axudas da Xunta para incentivar a contratación permitiron a esta compañía aumentar o seu cadro de persoal animando ás empresas galegas a optar aos programas que neste eido está poñendo en marcha a Administración autonómica.

Así, salientou que ata o 15 de outubro está aberto o prazo para solicitar os incentivos á contratación nas pemes, unha iniciativa dotada con 4,2 millóns de euros, para favorecer o emprego de 550 persoas con máis dificultades para atopar un traballo en 500 empresas. Por medio desta actuación, as compañías teñen a oportunidade de obter axudas para a contratación e formación por conta allea.

Toca explicou que a contratación inicial, cunha duración mínima dun ano, apóiase cun bono de 4000 euros sempre que o desempregado sexa parado de longa duración, presente algunha discapacidade ou se atope en situación ou risco de exclusión social. Esta contía aumenta nun 25% para as mulleres, maiores de 45 anos, emigrantes retornados e se a empresa está situada no rural, polo que a contía máxima de axuda deste programa pode alcanzar os 8000 euros.

Como novidade este ano, inclúese un bono de 1000 euros de formación por cada persoa contratada que é opcional para as empresas.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, ademais, xa activou un programa de fomento e consolidación do emprego para as pequenas empresas de nova creación a través do que se establecen axudas para a xeración de emprego estable, a formación xerencial e/ou directamente relacionada coa actividade que se vai desenvolver ou para o inicio de actividade, financiando gastos relacionados cos honorarios de notario e rexistrador, arrendamento do local, maquinaria ou equipamentos informáticos, entre outros. O prazo de solicitude neste caso remata o próximo 31 de xullo.

Apóiase tamén a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras destas empresas co 75% do custo da escola infantil dos fillos menores de 3 anos cun máximo de 3000 euros. Poden ser beneficiarias destes apoios as empresas que sexan promovidas como máximo por 5 persoas, cun capital social máximo de 120.202 euros, sendo como mínimo o 50% titularidade dos promotores que sexan desempregados e creen o seu propio posto de traballo na empresa.

O obxectivo do Goberno galego con estas axudas é o de consolidar a recuperación económica na Comunidade. En palabras da secretaria xeral de Emprego, o Goberno galego segue traballando para mellorar o mercado laboral galego que está amosando síntomas de recuperación: o desemprego baixou en Galicia no último ano nun 10,92% aumentando a contratación indefinida nun 32,43%, case cuadriplicando o ritmo de subida da temporal, e superando en máis de 7 puntos o ritmo de crecemento do Estado. Na cidade de Santiago, o desemprego caeu nun 5,27% con respecto a abril de 2017.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/05/2018