O presidente da Xunta reuniuse onte ás 15.00 h hora local (22.00 h en Galicia) co gobernador Constitucional do Estado de Oaxaca, Alejandro Murat Hinojosa
Galicia e Oaxaca avogan por aproveitar sinerxías que estimulen o investimento conxunto en sectores como a pesca, renovables ou o turismo

“Estamos a falar dun estado cunha grande superficie forestal; con máis de 600 quilómetros de costa cara ao Pacífico. Moi interesante desde o punto de vista turístico e é que, ademais, é unha potencia eólica singular”, di o titular da Xunta

Ambos territorios abordaron tamén as oportunidades de Salina Cruz, un lugar portuario que conta coa declaración de Zona Económica Especial, con beneficios fiscais e administrativos; e o liderado de Galicia no eido portuario e pesqueiro

Cunha superficie arborada de máis de 6 millóns de hectáreas, o responsable do Goberno galego e Alejandro Murat analizaron tamén as posibilidades á hora de desenvolver plans para dar valor engadido á industria da madeira

Apostan tamén por potenciar as relacións no eido universitario e cultural, aproveitando a traxectoria e o traballo do reitor do Sistema de Universidades Estatais de Oaxaca

Con esta reunión, Feijóo finalizou a súa visita oficial aos Estados Unidos Mexicanos

Oaxaca (México), 5 de maio de 2018
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o gobernador Constitucional do Estado de Oaxaca, Alejandro Murat Hinojosa, avogaron hoxe por aproveitar sinerxías que estimulen o investimento conxunto en sectores como a pesca, as renovables, o forestal ou o turismo.

“Estamos a falar dun estado cunha grande superficie forestal; con máis de 600 quilómetros de costa cara ao Pacífico. Moi interesante desde o punto de vista turístico e é que, ademais, é unha potencia eólica singular, onde traballan moitas empresas españolas. Polo tanto, avaliamos as distintas posibilidades de traballo conxunto”, explicou Feijóo.

Nesta liña, ambos mandatarios abordaron as oportunidades de Salina Cruz, un lugar portuario que conta coa declaración de Zona Económica Especial (ZEE), con beneficios fiscais e administrativos para atraer investimentos; así como o liderado de Galicia no eido portuario e pesqueiro.

Cunha superficie arborada de máis de 6 millóns de hectáreas, o responsable do Goberno galego e Alejandro Murat analizaron tamén as posibilidades á hora de desenvolver plans para dar valor engadido á industria da madeira.

Ademais das pontes económicas, Feijóo e o gobernador apostaron tamén por potenciar as relacións no eido universitario e cultural, aproveitando a traxectoria e o traballo do reitor do Sistema de Universidades Estatais de Oaxaca, Modesto Seara.

Por último, o responsable do Goberno galego quixo, na xuntanza, trasladar unha vez máis a solidariedade de todos os galegos despois dos terremotos que afectaron a este estado hai oito meses.

Balance da visita ao país azteca

Con esta reunión, Feijóo finalizou a súa visita oficial aos Estados Unidos Mexicanos. Unha viaxe onde as empresas do sector agroalimentario (vitivinícola, conserva, cárnico ou lácteo) que formaban parte da misión comercial puideron fortalecer e consolidar a súa presenza no mercado mexicano tras a celebración do Encontro gastronómico con Galicia, que se realizou en Cidade de México.

Así mesmo, tamén participaron nesta misión comercial empresas de diferentes sectores como a confección infantil, consultorías TIC, enxeñarías, automoción, maquinaria industrial ou naval.

“Tiveron, en definitiva, a ocasión de contactar con distintas canles de distribución, cadeas gourmet ou con chefs da cociña mexicana, e de trasladar o interese por un mercado de 130 millóns de consumidores como é México e dar a coñecer, por exemplo, a calidade dos viños galegos ou da conserva galega, que é a segunda máis importante do mundo e a primeira de Europa, así como a experiencia de Galicia noutros sectores”, abundou o presidente autonómico.

No eido institucional, Feijóo destacou o encontro mantido co presidente dos Estados Unidos Mexicanos, Enrique Peña Nieto, a quen lle transmitiu o agradecemento do Goberno galego pola relación de confianza e de cordialidade mantida durante os seis anos nos cales este último ocupou a presidencia do país azteca. Así como as reunións co gobernador do Estado de México, onde se atopa unha porcentaxe moi importante da industria do país, e co gobernador Constitucional do Estado de Oaxaca.

Durante a súa estancia no país americano, Feijóo tivo ocasión, ademais, de reunirse coa colectividade galega e celebrar, con máis de 4.500 galegos, o día de Galicia en México, 1 de maio, onde lles trasladou o orgullo que sente a Comunidade polos 15.000 galegos mexicanos, polos proxectos vitais que construíron e por contribuír á mellora do país que os acolleu.

Sons relacionados
  • Declaracións do presidente da Xunta sobre o encontro co gobernador Constitucional do Estado de Oaxaca
  • Declaracións do presidente da Xunta sobre a viaxe a México
Imaxes relacionadas
Data de actualización: 05/05/2018