A Xunta salienta que o Foro de economía social fortalecerá ás entidades do sector e favorecerá o seu desenvolvemento

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe en Santiago na presentación deste espazo de encontro que representa en Galicia os intereses da economía social co obxectivo de darlle un novo pulo a este ámbito

Toca destacou o impulso que está dando o Goberno galego a este eido que conta este ano cun orzamento que supera os 22 millóns de euros para fortalecelo e mellorar a súa competitividade

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2018
  • whatsapp

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe en Santiago na presentación do Foro pola economía social galega, un espazo de encontro que representa ás principais entidades deste sector para fortalecelo e favorecer o seu desenvolvemento a través da intercooperación. Deste xeito, conforman o Foro, Agaca e Espazocoop (unións de cooperativas), a Asociación de sociedades laborais (Aesgal), a Asociación de Empresas de inserción Laboral (Aeiga) e a Asociación de centros especiais de emprego sen ánimo de lucro (Cegasal).

Esta iniciativa ten tamén por obxecto visibilizar a economía social na sociedade e os principais axentes económicos e representar, en definitiva, os intereses deste ámbito. En palabras de Toca, é necesario seguir impulsando o fortalecemento da economía social para continuar xerando en Galicia emprego estable e de calidade.

A secretaria xeral de Emprego destacou a importancia do sector na Comunidade galega e o impulso do Goberno galego a este ámbito, que conta este ano, a través da Axenda 20, cun orzamento que supera os 22 millóns de euros: 17 millóns, un 3,4% máis que en 2017, destinados a fortalecelo e mellorar a súa competitividade e 5 millóns do fondo de XesGalicia para financiar novos proxectos neste ámbito.

Entre os programas cos que conta a Administración autonómica neste ámbito puxo en valor tres programas de apoio, dotados con máis de 3,3 millóns de euros, para seguir impulsando o crecemento da economía social, representado por máis de 7.000 entidades e 320.000 persoas. A través destas tres iniciativas, a Consellería de Economía, Emprego e Industria prevé beneficiar a máis de 3.000 persoas desempregadas. Ademais, a Consellería de Economía, Emprego e Industria apoia con 13 millóns de euros aos centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral para o fomento da contratación de persoas con capacidades diversas.

Toca, así mesmo, indicou que o Goberno galego está a analizar as demandas das asociacións de cooperativas como é a necesidade de impulsar e facilitar a liquidación de cooperativas que están disoltas, pero non extinguidas. Na actualidade, ademais, estase a rematar o primeiro borrador do novo regulamento do rexistro de cooperativas, que contempla a tramitación integramente telemática.

A secretaria xeral de Emprego, para rematar, apuntou a importancia da Lei de Economía Social de Galicia, aprobada en maio de 2016, que ten entre os seus obxectivos dotar ao sector da relevancia que merece polas súas achegas á sociedade.

Data de actualización: 09/05/2018