Rosa Quintana respondeu no Parlamento a preguntas sobre os helicópteros de salvamento marítimo da Xunta e sobre campañas de promoción de produtos do mar
A Xunta salienta que os requisitos esixidos ás aeronaves do Servizo de Gardacostas son incluso máis esixentes que os dos outros servizos de rescate aéreo de España

A conselleira do Mar subliñou que os helicópteros Pesca 1 e Pesca 2 do Servizo de Gardacostas que están agora mesmo en vigor están avalados por informes técnicos

Explicou que a decisión de vender os helicópteros se tomou avalada polos ditames periciais de valoración das aeronaves para obter o mellor prezo antes de que acadaran a segunda década de vida

En resposta a outra pregunta, a conselleira fixo un balance positivo das campañas de consumo de peixe e marisco e conservas entre a poboación infantil que desde o ano 2010 chegaron a arredor de 115.000 nenos e nenas
 

Santiago, 9 de maio de 2018
  • whatsapp

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe no Parlamento que os requisitos esixidos aos helicópteros do Servizo de Gardacostas no prego de condicións do contrato que está en vigor “son incluso superiores aos que esixen outros servizos de rescate aéreo en España”. De feito, engadiu a titular de Mar, “estes aparellos levan realizado misións sumamente dificultosas e esixentes e algunhas delas deron lugar a recoñecementos de carácter internacional”.

Neste sentido, defendeu o cumprimento das condicións técnicas destas aeronaves do servizo de salvamento marítimo da Xunta e subliñou que están avaladas e verificadas polos técnicos. De feito, explicou, nas mesas de contratación e no seguimento dos contratos, coma este dos helicópteros do servizo de Gardacostas de Galicia, só hai técnicos que nunha gran parte estaban xa traballando para o anterior goberno bipartito.

En relación á vida útil das aeronaves e á súa venda no ano 2012, Rosa Quintana lembrou que a operación conta co aval dun informe dun enxeñeiro e co visado do Colexio de enxeñeiros aeronáuticos. Aclarou que, tal e como se explicou no seu momento, considerouse preciso amortizar o gasto da súa compra antes de que seguisen perdendo valor, tendo en conta a rapidez coa que a tecnoloxía avanza e que corren o risco de quedar obsoletos antes da súa segunda década de vida.

A conselleira explicou que esa segunda década de vida se cumpre no 2025, un prazo para o que faltan sete anos e no que “terá que haber un novo contrato, porque o que está en vigor dura ata 2021”. A isto engadiu que, tal e como consta nos ditames periciais de valoración das aeronaves que no seu momento se compilaron, “aquel era o momento óptimo para a súa venda”. De esperar máis tempo, expuxo Rosa Quintana, “os helicópteros iríanse depreciando paralelamente ao seu envellecemento e ao encarecemento das reparacións que fosen necesarias e que correrían por conta dos propietarios, neste caso a Administración”.

Deste xeito, a conselleira do Mar fixo fincapé en que as aeronaves do servizo de salvamento teñen as condicións acaídas ao litoral de Galicia e apelou a “non xogar a confundir á xente e a meterlle medo”.

Campañas de promoción

Por outra banda, en resposta a outra pregunta, a titular de Mar fixo balance das campañas de consumo de peixe e marisco e conservas entre a poboación infantil O sabor da aventura está no mar e Ponlle as pilas ao teu bocata. Sinalou que o balance destas iniciativas é “sumamente positivo”, xa que desde o ano 2010 chegaron a arredor de 115.000 nenos e nenas, o que supón arredor do 57% da poboación escolar de infantil e primaria.

Ambas campañas impulsadas pola Consellería do Mar forman parte do programa Aliméntate Ben, que busca mellorar os hábitos de consumo dos nosos nenos e nenas e derivalos cara a unha dieta saudable. As dúas iniciativas contan con páxina web propia nas que hai dispoñibles diferentes materiais co obxectivo de implicar ao maior número de axentes da comunidade educativa e para que o profesorado traballe co alumnado en relación a estas iniciativas.

A elas súmase, explicou Rosa Quintana, o programa Do mar ao prato no que se desenvolve un calendario de xornadas de promoción e difusión dos produtos do mar no eido específico da hostalería. Esta iniciativa aborda, de forma global, multidisciplinar e especializada, o coñecemento e tratamento dos produtos do mar para os futuros profesionais deste sector.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 09/05/2018