Cetmar mellorará as capacidades técnicas de piscicultores de Mozambique no marco do proxecto ACUIPES

As accións previstas, financiadas pola Xunta de Galicia, pretenden ampliar as oportunidades de emprego e as fontes de ingresos na provincia de Cabo Delgado

A diversificación do labor do cultivo de mexillón que realizan as mulleres de Chuiba e a obtención de información actualizada sobre sector acuícola de Cabo Delgado son outras das accións deste proxecto
 

Santiago, 12 de maio de 2018
  • whatsapp

O Centro Tecnolóxico do Mar mellorará as capacidades técnicas de piscicultores da provincia mozambicana de Cabo Delgado a través de formacións e intercambio de experiencias e mediante o seguimento técnico dos estanques nas diferentes fases do cultivo da tilapia. Esta é unha das accións do proxecto ACUIPES que está a desenvolver en Mozambique en virtude dun convenio subscrito coa Vicepresidencia da Xunta de Galicia, que financia accións de fortalecemento do sector pesqueiro e acuícola a través de Cooperación Galega.

Esta acción realizarase tendo en conta o éxito da experiencia de desenvolvemento da acuicultura rural levada a cabo con anterioridade no distrito de Mueda, tamén en Cabo Delgado, estendéndose ese modelo produtivo a outros distritos e aldeas da provincia, como Pemba e Metuge.

Ademais, o Centro Tecnolóxico do Mar traballará coa comunidade de mulleres de Chuiba, que teñen como principal actividade o cultivo de mexillón. O obxectivo é por en marcha unha iniciativa piloto de diversificación que xere novas fontes de ingreso ou oportunidades de emprego e que contribúa á igualdade de xénero e ao empoderamento da muller.

No ámbito institucional, a Fundación CETMAR pretende obter unha visión actualizada, completa e real do sector acuícola de Cabo Delgado reforzando o traballo levado a cabo en anteriores proxectos para a elaboración do censo de piscicultores e para o deseño do Sistema de Información Acuícola de Mozambique (SIAM), aplicación de información xeográfica na que se realizarán axustes técnicos.

Tamén está previsto incidir na formación e capacitación dos técnicos mozambicanos que xestionan as devanditas fontes de información, así como a celebración dun seminario de pesca e acuicultura que favoreza o intercambio e o diálogo entre os axentes do sector.

Estas accións forman parte das tres liñas de actuación prioritarias que contempla ACUIPES. Unha destas tres liñas é o fortalecemento das institucións con competencias no eido pesqueiro e acuícola e outra a formación, a capacitación e apoio ao sector. A terceira liña é o apoio ao aproveitamento sustentable dos recursos e ás estratexias cara a diversificar a actividade acuícola.

Con este proxecto CETMAR pretende ampliar as oportunidades de emprego e as fontes de ingresos sostibles para as comunidades rurais e costeiras de Cabo Delgado a través do fortalecemento do sector pesqueiro e acuícola. Deste xeito, o obxectivo é contribuír á loita contra a pobreza e á mellora das condicións de vida e da seguridade alimentaria nesta provincia mozambicana.

Contexto do proxecto

O proxecto ACUIPES dá continuidade ás actividades desenvolvidas en 2017 no marco dos proxectos AFIS e CRIL, desenvólvese conxuntamente coa Dirección Provincial do Ministerio do Mar, Aguas Interiores e Pescas da Provincia de Cabo Delgado, o Instituto Nacional de Desenvolvimento de Pesca e Aquacultura (IDEPA) e o Instituto Nacional de Investigaçao Pesqueira (IIP) de Mozambique.

A área de Cooperación Internacional da Fundación CETMAR traballa dende o ano 2008 xunto ao IDEPA e o IIP en Mozambique, o oitavo país cun Índice Desenvolvemento Humano máis baixo do mundo segundo o último Informe de Desenvolvemento Humano de Nacións Unidas e cun elevado índice de subnutrición infantil. O proxecto ACUIPES encaixa así coa estratexia de desenvolvemento do sector pesqueiro e acuícola mozambicano, o Plano Director das Pescas 2010-2019, que identifica a cuestión da seguridade alimentaria e nutricional como unha prioridade estratéxica.

No caso da provincia de Cabo Delgado, ámbito de actuación desta nova iniciativa, a taxa de retraso no crecemento infantil alcanza o 55%. A súa principal base económica é a agricultura de subsistencia e a pesca, amplamente exercida ao longo do litoral, e que contribúe á dieta alimentaria e ao rendemento da poboación.

Froito doutros proxectos anteriores financiados por Cooperación Galega e executados por CETMAR, a produción de tilapia consolidouse como unha actividade de éxito, capaz de xerar ingresos e de mellorar as condicións de vida da poboación do distrito de Mueda, onde os piscicultores beneficiarios destas accións conseguiron producir peixe non só para autoconsumo, senón tamén para a venda a nivel local, xerando importantes ingresos. O éxito alcanzado en Mueda está sendo un referente, e son cada vez máis os agricultores que se interesan por desenvolver actividades de piscicultura en Cabo Delgado.


 

Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 12/05/2018