As obras de posta en valor do Cantón de San Roque e a avenida de Lugo en Melide estarán rematadas este ano

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e a alcaldesa de Melide, Dalia García, visitaron esta mañá os traballos que se están a executar na actualidade

Mato Otero destacou que esta intervención realízase dun dos puntos máis importantes das rutas xacobeas, onde se unen o Camiño Francés e o Primitivo

Trátase dunha obra que se inscribe no Plan Hurbe, coa que se pretende recuperar conservar o patrimonio tradicional e dinamizar este espazo, nas que se invisten máis de 300.000 euros
 

Melide (A Coruña), 14 de maio de 2018
  • whatsapp

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, avanzou esta mañá que as obras de posta en valor do Cantón de San Roque e a Avenida de Lugo en Melide estarán rematadas este ano.

A conselleira de Medio Ambiente visitou esta mañá, xunto coa alcaldesa de Melide, Dalia García, os traballos que se están executando na actualidade para reformar e poñer en valor do Cantón de San Roque e a Avenida de Lugo, neste concello da provincia da Coruña.

Trátase dunha actuación que se inscribe dentro do Plan Hurbe e que conta cun orzamento de máis de 300.000 euros, que servirán revitalizar o corazón do núcleo urbano de Melide e a principal arteria da vila, como é a Avenida de Lugo, pola que ademais discorre un dos grades patrimonios do concello, como é o Camiño de Santiago.

Mato Otero destacou que Melide é un punto moi importante dentro das rutas xacobeas, porque neste concello se unen os Camiños Francés e Primitivo; polo tanto entre os obxectivos está crear un espazo de vida e de actividade acorde coas necesidades dos cidadáns, facendo da praza un punto de encontro e lugar de estancia.

Asemade, tamén se mellora e modernizar a imaxe urbana dunha vila tan emblemática como Melide como encrucillada dos Camiños de Santiago, acondicionase o mesmo ao seu paso polo centro urbano; e mellorase a accesibilidade, a seguridade e as condicións de acceso peonil dos veciños e dos peregrinos.

A conselleira destacou que a execución desta actuacións responde á necesidade de recuperar un espazo degradado e obsoleto, que acumulaba cicatrices de reformas parciais que xa cumpriron a súa necesidade e polo tanto, precisa dun proceso de reflexión que conduza a rexeneración dun espazo que suma máis de 5.000 m2.

Para acadar esta posta en valor, será necesario reurbanizar a calzada e as beirarrúas das Avenida de Lugo e da contorna do Cantón de San Roque; mellorar e acondicionar o axardinamento do Cantón e o mobiliario urbano, facéndoo máis moderno, funcional e adaptado aos tempos actuais; e reurbanizar o espazo do Cantón, suprimindo barreiras arquitectónicas.

A conselleira recordou que a Xunta promove e colabora neste tipo de actuación co obxectivo de rehabilitar, recuperar e conservar os equipamentos urbanos municipais, co fin de mellorar a calidade de vida dos seus cidadáns e do público en xeral.

Salientou que este é un dos grandes obxectivos do Plan HURBE, un programa de actuación que a Xunta impulsou en 2010 para dar resposta á necesidade de humanización das vilas de Galicia. Tendo en conta o modelo social de integración cidadá, busca o achegamento dos entramados urbanos aos seus habitantes mediante a adecuación e creación de espazos públicos para as necesidades vixentes.

De feito, a actuación de Melide serve tamén para visualizar o resto dos traballos do Plan hurbe en toda a provincia da Coruña, xa que no período 2010-2018 destináronse preto de 40 millóns para financiar un total de 35 actuacións nunha trintena de concellos; que no conxunto da Comunidade galega elévase a 124 millóns de euros en 164 actuacións.

Entre outros beneficios, o HURBE favorece a sostibilidade futura compatibilizando o desenvolvemento económico e a agrupación en torno aos núcleos de poboación con criterios de ordenación territorial e habitabilidade, recupera espazos públicos que foron perdendo o seu carácter de áreas de interacción social por un inadecuado desenvolvemento urbanístico, e potencia a conservación dos equipamentos urbanos patrimonio histórico das nosas vilas.

Colaboración continua

A conselleira de Medio Ambiente destacou que a colaboración ratificada esta mañá non é a única que o Goberno galego promove en Melide, senón que é fluída e permanente. Unha cooperación que queda patente analizando as cifras, onde a Consellería de Medio Ambiente ten destinado preto de 10 millóns de euros, dos cales 9 son en actuacións relativas a saneamento e recordou outro compromisos como o proxecto de mellora do saneamento da parroquia de San María, cun investimento de 165.000 euros.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/05/2018