O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado Puente, visitou hoxe este centro de acollida de familias
A Xunta de Galicia destaca o labor do centro María Nazarena en prol da inclusión social en Burela

A Consellería de Política Social concedeu á entidade unha achega superior aos 135.000 euros que se destinou adquisición de mobiliario, equipos informáticos e á mellora das instalacións do centro

Burela (Lugo), 14 de maio de 2018
  • whatsapp

O director xeral de Inclusión Social da Xunta de Galicia, Arturo Parrado Puente, realizou hoxe unha visita ao centro María Nazarena da entidade Fillas do Divino Celo-Rogacionistas en Burela (Lugo), un recurso destinado á acollida de familias que teñen fillos menores ao seu cargo.

Tal e como destacou o titular do departamento autonómico neste eido, este centro é o único das súas características na provincia, xa que os pais e nais poden convivir con fillos menores sen límite de idade e ademais, a acollida se realiza en vivendas familiares normalizadas que conforman o centro. O ano pasado, este centro atendeu a catro familias e na actualidade, dúas están a facer uso das instalacións. A congregación conta con outros dous centros sociais na localidade: o centro de día de menores San Aníbal e a casa de familia San Aníbal.

Parrado gabou o labor das Fillas do Divino Celo-Rogacionistas no reforzo da rede autonómica de benestar de Burela e dos concellos limítrofes e que as converten nun axente social de primeiro orde para promover a inserción social das persoas en situación ou risco de vulnerabilidade.

Nesta liña, garantiu que o Goberno galego seguirá apoiando este traballo, como se pon de manifesto na achega concedida con cargo á orde de axudas a entidades, xa que entre 2016 e 2018 recibiron unha achega de 135.192,46 euros. Unha cantidade que se destinou á adquisición de mobiliario, equipos informáticos e á mellora das instalacións do centro María Nazarena, entre outras actuacións.

Por outra banda, Arturo Parrado asegurou que a Xunta de Galicia continuará levando adiante un traballo coordinado coas entidades sociais para mellorar a situación dos fogares e persoas que máis precisan de apoio. Neste sentido, destacou que o Executivo autonómico volveu aumentar en 2018 os recursos económicos que destina para diminuír a exclusión e a desigualdade ao reservar para políticas de inclusión social 115,2 millóns de euros, o que supón un 8% máis que o ano pasado.

Data de actualización: 14/05/2018