A Xunta de Galicia promove a formación en materia ambiental no ámbito do voluntariado

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado abre hoxe o prazo de inscrición nunha acción formativa sobre sensibilización e educación medioambiental que se desenvolverá do 28 de maio ao 1 de xuño

A Administración autonómica capacitou a 1777 persoas desde que se iniciaron no ano 2016 os plans de formación en voluntariado
 

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2018
  • whatsapp

A Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, abre hoxe o prazo de inscrición no Curso de Voluntariado Ambiental co fin de formar a 25 persoas voluntarias e profesionais da promoción e xestión do voluntariado en materia de sensibilización e educación medioambiental.

A acción formativa, que será presencial e que se impartirá do 28 de maio ao 1 de xuño no Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil, terá unha duración de vinte horas. Ao longo dos catro módulos temáticos nos que está configurada, os participantes recibirán formación teórica e práctica sobre o significado do voluntariado ambiental e as tipoloxías de actuacións neste ámbito, e terán a posibilidade de coñecer estratexias, recursos e exemplos de boas prácticas.

Os interesados poderán inscribirse na páxina web do Voluntariado Galego. A acción está dirixida preferentemente a persoal técnico e persoas voluntarias das entidades inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria da Xunta.

Plan de Formación


Tras o curso de voluntariado de nivel básico no que participaron un total de 117 persoas, este é o segundo programado no marco do Plan de Formación 2018 que desenvolve o órgano de xestión do Voluntariado Galego en consonancia cos retos establecidos na Estratexia Galega de Acción Voluntaria (2016-2018) referidos a mellora da xestión do ciclo da acción voluntaria en termos de transparencia, eficacia e eficiencia.

Entre as accións incluídas este ano, destacan as dirixidas a aportar coñecementos e ferramentas para o voluntariado en materia de riscos laborais, recuperación patrimonial, axuda ás mulleres que sofren violencia de xénero e catástrofes e emerxencias, entre outros. Desde a posta en marcha desta estratexia formativa no ano 2016, foron capacitadas 1777 voluntarios.

Data de actualización: 14/05/2018