O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou esta mañá os traballos que se están a executar neste inmoble situado en plena alameda compostelá
A Xunta reabrirá o vindeiro curso escolar a escola infantil compostelana Santa Susana unha vez rematada a súa reforma integral

A Administración autonómica inviste 1,1 millóns de euros nunha actuación que recuperará os valores arquitectónicos do edificio e ademais mellorará a súa funcionalidade e o servizo que se presta ás familias

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2018
  • whatsapp

O conselleiro de Política Social, Jose Manuel Rey Varela, comprobou esta mañá sobre o terreo como se están a desenvolver os traballos de reforma da escola infantil de Santa Susana nas que a Xunta de Galicia está a investir 1,1 millóns de euros coa previsión de que volva entrar en funcionamento co inicio do vindeiro curso escolar. Na visita, que tivo lugar coincidindo coa celebración na xornada de hoxe do Día das Familias, tamén participou a directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González Méndez.

En declaracións aos medios de comunicación, Rey Varela manifestou que o Goberno galego “decidiu levar adiante unha profunda remodelación deste edificio singular co obxectivo de modernizar e mellorar estas instalacións e así prestar un mellor servizo ás familias”. Ademais, explicou que o feito de que se trate dun inmoble catalogado de principios do século pasado e que, como tal, con protección patrimonial “trouxo aparellado un proceso previo á propia execución da actuación máis esixente e complexo coa finalidade de garantir a preservación dos seus valores arquitectónicos”.

No que atinxe á intervención, a día de hoxe están finalizados as actuacións previas que consistiron, basicamente, no movemento de terras, nas demolicións de cerres e elementos interiores, así como do levantado de sanitarios, mobiliario e as antigas instalacións de fontanería e saneamento. De seguido, procederase a actuar sobre a cuberta, os cerramentos exteriores e a carpintería exterior e interior, para finalmente executar os acabados e revestimentos.

Nesta liña, o conselleiro insistiu en que o obxectivo deste proxecto “é facer unha escola máis funcional que preste un mellor servizo aos pais e nais, así como recuperar na medida do posible os aspectos perdidos da edificación orixinal que permitan coñecer o valor arquitectónico da mesma”, concluíu.

O vindeiro curso escolar 2018-2019, xunto coa escola infantil de Santa Susana, a Xunta tamén porá en servizo en Santiago de Compostela outra máis na zona do Castiñeiriño, en virtude do convenio coa Fundación Amancio Ortega. Cada un destes recursos de conciliación disporá de 82 prazas de capacidade, elevando a ratio de atención de 0 a 3 anos nesta cidade ata o 47,3%, máis de 14 puntos por riba da media aconsellada pola Unión Europea (UE).

Finalmente, Rey Varela lembrou que o Goberno galego investirá máis de 20 millóns de euros en materia de políticas sociais na cidade de Santiago “o que nos permitirá mellorar a calidade de vida dos máis novos, tal e como puidemos comprobar esta mañá, pero tamén a dos nosos xóvenes e maiores e a daqueles colectivos que máis precisan da nosa axuda”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/05/2018