Ángeles Vázquez destaca o labor dos enxeñeiros técnicos agrícolas como “artífices da modernización do agro galego”

A conselleira do Medio Rural salientou o seu labor a prol da agricultura, a gandería e o sector forestal da nosa comunidade no acto de celebración do seu patrón

Tamén en relación coa festividade de San Isidro Labrador, asistiu posteriormente a un xantar popular de confraternidade cos veciños de Rois, no polideportivo desta localidade coruñesa
 

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2018
  • whatsapp

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, cualificou hoxe aos enxeñeiros técnicos agrícolas como “artífices da modernización da agricultura, da gandería e do sector forestal de Galicia” e definiunos como “os nosos brazos no territorio”. Así destacou o labor deste colectivo, durante a súa intervención no acto de celebración do seu patrón, San Isidro Labrador, que tivo lugar este mediodía no Pazo do Faramello, no concello coruñés de Rois.

A conselleira salientou ademais que actualmente forman parte do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Galicia un total de 767 profesionais, nunha actividade que, dixo, “conta con máis de 160 anos de historia”. Cara o futuro, a titular de Medio Rural indicou que “imos seguir precisando da actuación agroforestal para equilibrar e conservar o noso territorio, para garantir a nosa economía e mesmo para apoiar a cultura, o turismo, a paisaxe e a gastronomía”.

Neste mesmo sentido, engadiu que “temos grandes retos aos que enfrontarnos e para acadar estas metas cómpre contar con técnicos formados que poidan intervir nunha nova agricultura máis moderna e sustentable”. Neste labor, advertiu, os enxeñeiros técnicos agrícolas xogan “un papel fundamental”. Por último, a conselleira reafirmou o apoio da Xunta a este grupo humano, co “obxectivo fundamental de facer do rural un lugar atractivo para nacer, para traballar e en definitiva para desenvolver a vida”, remarcou.

Xantar popular

Tamén en relación con esta festa de San Isidro Labrador, patrón de Rois, Ángeles Vázquez participou posteriormente nun xantar popular de confraternidade cos veciños da localidade, que tivo lugar no pavillón polideportivo, como parte dun programa de actos conmemorativos que inclúe unha ruta cabalar, unha andaina, feira de artesanía e exposición de animais de razas autóctonas, entre outros.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/05/2018