A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro presidiu hoxe a comisión de seguimento deste plan, no que a Xunta e os concellos acordaron por unanimidade a súa renovación en 2019
Ethel Vázquez salienta que o Plan de transporte metropolitano da área de Lugo permitiu bonificar máis de 719.000 viaxes desde o seu inicio

Vázquez Mourelle explica que esta prórroga garante a continuidade, un ano máis, dun plan social que lle permite aos usuarios descontos no billete de ata o 70% e un aforro anual de ata 900 euros aos viaxeiros frecuentes

Subliña as vantaxes deste sistema de billete único e de coordinación entre o transporte interurbano e o bus urbano, que bonifica as viaxes de 7.600 lucenses e case 1.000 mozos menores de 19 anos, que viaxen de balde

Lembra que neste intre atópase a información pública o documento base do Plan de transporte público de Galicia para acadar en 2019 un servizo máis moderno e acorde ás necesidades reais dos galegos

Explica que a 1ª fase do Plan, posta en marcha en agosto do ano pasado, permitiu ampliar a cobertura territorial e os servizos de transporte grazas ás novas modalidades, como o transporte compartido

Sinala que a provincia conta con 76 liñas integradas que foron empregadas xa por 31.000 usuarios xerais, ademais dos escolares, o que representa a boa acollida que está a ter por parte da xente

Indica que co traballo conxunto, colaboración e achegas construtivas, se poderá planificar un sistema de transporte público por estrada que suporá melloras substanciais no servizo ou maior cobertura na área de Lugo

Lugo, 16 de maio de 2018
  • whatsapp

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, salientou hoxe que o Plan de Transporte Metropolitano da Área de Lugo ten permitido bonificar máis de 719.000 viaxes desde o inicio do mesmo.

Vázquez Mourelle xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, presidiu hoxe a comisión de seguimento do Plan de transporte metropolitano, que acordou por unanimidade a renovación do Plan para o ano 2019.

A conselleira explicou que o Goberno galego financia o 80% dos descontos, ao que hai que engadir o investimento preciso para financiar a Tarxeta Xente Nova, que fai gratuítas as viaxes aos menores de 19 anos. No 2019 o orzamento autonómico será de 140.000 euros ao que se suma a achega de 29.000 euros dos 9 municipios que conforman esta área.

Destacou que esta prórroga garante a continuidade, un ano máis, dun plan social que lle permite aos usuarios descontos no billete de ata o 70%, e que lles pode supoñer un aforro anual de ata 900 euros aos usuarios frecuentes.

Trátase dunha iniciativa moi importante, porque supón aforros significativos para as familias, tamén fomenta o uso do transporte público e axuda a aliviar o tráfico na cidade, contribuíndo á redución de emisións e á preservación do medio ambiente.

A titular de Infraestruturas subliñou as vantaxes deste sistema de billete único e a coordinación entre o transporte interurbano e o bus urbano. Neste intre 7.600 lucenses contan coa súa Tarxeta Metropolitana, ademais dos case 1.000 mozos que dispoñen das tarxetas Xente Nova, 7, facendo gratuíta a mobilidade para a mocidade e inculcando nas novas xeracións o uso do transporte público e contribuíndo á economía das familias.

Plan de Transporte Público de Galicia


Ethel Vázquez tamén aproveitou a Comisión de Seguimento do Plan de Transporte Metropolitano para abordar conxuntamente as melloras do transporte público na área de cara a 2019. Así, a conselleira lembroulle aos municipios que neste intre atópase a información pública o documento base do Plan de transporte público de Galicia para acadar en 2019 un servizo máis moderno e acorde ás necesidades reais dos galegos.

Con este trámite de información pública ábrese o primeiro dos dous procesos de participación pública nos que calquera administración, colectivo ou particular poderán facer as súas achegas.

Vázquez Mourelle explicou que a 1ª fase do Plan, posta en marcha en agosto do ano pasado, permitiu xa ampliar a cobertura territorial e os servizos de transporte en boa parte da provincia de Lugo grazas ás novas modalidades, como o transporte compartido.

Deste xeito, seguiu dicindo, a provincia conta con 76 liñas integradas que foron empregadas xa por 31.000 usuarios xerais, ademais dos escolares, o que representa a boa acollida que está a ter por parte da xente.

Rematou indicando que con traballo conxunto, con colaboración e con achegas construtivas poderase planificar un sistema de transporte público por estrada que suporá melloras substanciais no servizo, maior cobertura e tamén un transporte máis adaptado ás necesidades dos veciños da área de Lugo, de cara á necesaria e obrigada reformulación do mapa de transportes no ano 2019.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 16/05/2018