A Xunta destina 3,4 millóns de euros para despregar a conexión ultrarrápida de internet en 81 polígonos este ano

O delegado territorial na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá o parque empresarial de Melide da man da alcaldesa de Melide, Dalia García e de empresarios do polígono

Este ano o Plan de Banda Larga chegará aos polígonos industriais de Cerceda, Curtis-Teixeiro, As Pontes, As Somozas e Boqueixón
 

Melide (A Coruña), 16 de maio de 2018
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá o polígono industrial de Melide, acompañado pola alcaldesa de Melide, Dalia García e empresarios do polígono. Se trata dunha das 22 áreas empresariais da provincia que se incorporaron o ano pasado á actuación de despregamento en polígonos do Plan de banda larga da Xunta e o operador R, e que contempla, para 2018, a súa implantación en outros seis parques empresariais da provincia: O Acevedo, en Cerceda; Curtis-Teixeiro; Cruz das Cabezas, en As Pontes de García Rodríguez, As Somozas e Boqueixón.

Rodeiro lembrou que grazas a este proxecto, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), o 98% das superficies empresariais ocupadas da provincia terán acceso a redes de máis de 100 Megas antes do remate do presente ano. As empresas dos polígonos beneficiadas desta actuación do plan poden contratar servizos de Internet a través de fibra óptica cunhas velocidades de ata 350 megas de baixada e 35 de subida, e cunha garantía de caudal do 80% sen límite de descargas.

Ademais, o operador R pon á disposición das empresas dos polígonos a tecnoloxía necesaria para que poidan acometer a súa transformación dixital. Nesta liña están os servizos e solucións na nube como a videoconferencia ou a posibilidade de usar os seus equipamentos e o software como servizo pagando só polo uso que deles fan, sen necesidade de investir.

Outra opción á man destas empresas é o acceso aos servizos do chamado Internet das Cousas (IoT) e da industria 4.0, relacionados coa eficiencia enerxética, control de intrusións nas edificacións, servidores virtuais e analítica de datos (big data), entre outros.

O Plan xa completou o despregamento en 57 polígonos e este ano chegará aos 24 restantes. Deste xeito, en 2018, un total de 130 polígonos, que concentran case o 93% da superficie empresarial ocupada, disporán de acceso a redes de máis de 100Mbps. A Amtega achega unha axuda de 3,4 millóns de euros, que xerarán un investimento total de 5,2 millóns. Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 16/05/2018