A directora xeral de Xuventude, Participación e Xuventude, Cecilia Vázquez, asistiu hoxe a este encontro que tivo lugar nas instalacións do albergue Inturjoven de Sevilla
A Xunta participa na xuntanza do comité executivo do Consorcio da Rede Española de Albergues Juveniles

Galicia conta con nove albergues asociados á REAJ que participan en programas de intercambio internacional

En 2017 o número de pernoitas en albergues da comunidade ascendeu a 27.348, o que supón un incremento de máis de 3800 nos últimos tres anos

  • whatsapp

Sevilla, 16 de maio de 2018.- A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, Cecilia Vázquez Suárez, asistiu hoxe á reunión do Comité Executivo do Consorcio da Rede Española de Albergues Juveniles (REAJ) que tivo lugar no albergue Inturjoven de Sevilla. Esta xuntanza coincide coa celebración coa primeira gala REAJ na que se premia as mellores instalacións e iniciativas neste ámbito, resultando entre os gañadores o Albergue Bela Muxía.

Así, entre os temas debatidos durante a sesión, fíxose un repaso aos datos estatísticos que reflicten que no ano 2017 o número de pernoitas en albergues de Galicia ascendeu a 27.348, o que supón un incremento de máis de 3800 nos últimos tres exercicios. Tamén se deu conta das vendas de carné de alberguista, que pretende ser un elemento útil para a persoa usuaria, non só para hospedarse nestas instalacións senón tamén para empregalo como complemento nas viaxes e na vida cotiá a partir de importantes descontos. No ano 2016 expedíronse na nosa comunidade 412 destes documentos.

Ademais, o comité executivo da REAJ tamén abordou a situación de programas que desenvolve esta entidade, como son os premios Movic ás mellores propostas de ocio e tempo libre, as iniciativas para o intercambio de xente nova en albergues internacionais ou os proxectos de campamentos solidarios.

A asistencia a esta sesión ten unha gran importancia para o impulso do tecido alberguista galego, xa que a comunidade conta con varias instalacións integradas na REAJ como os albergues xuvenís de Gandarío (Bergondo), LUG II (Lugo), Residencia Xuvenil Altamar (Pontevedra), Residencia Xuvenil Florentino López Cuevillas (Ourense), As Corcerizas (Vilar de Barrio, Ourense), Os Biocos (San Xoá de Río, Ourense), Equal (Coles, Ourense), Monte do Gozo (Santiago de Compostela) e Artsurfcamp (Carballo).

Así mesmo, a través da REAJ, a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado tamén leva a cabo programas de intercambios xuvenís que permiten aos mozos e mozas galegos beneficiarse dunha oportunidade única para experimentar, vivir e colaborar nos albergues doutros países co obxectivo de mellorar os seus coñecementos nun ambiente internacional.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 16/05/2018