A Amtega celebra o Día da Internet cunha programación especial de dez días de actividades na rede CeMIT

Do 21 ao 31 de maio están previstas sesións e charlas orientadas a facilitar o uso dos servizos dixitais, evitar o ciberacoso e informar sobre novo Regulamento de Protección de Datos

Estas actividades súmanse as previstas xa na Rede, conformando unha oferta de máis de 1.600 horas de formación presencial
 

Santiago de Compostela, 17 de maio de 2018
  • whatsapp

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) celebra o Día da Internet cunha programación especial de actividades nas de Aulas CeMIT, que se suma ás iniciativas que diariamente se realizan na Rede ata conformar unha oferta de 280 actividades e 1.600 horas de formación.

Entre o 21 e o 31 de maio, xunto coa programación habitual, ofrecerase un catálogo actividades orientadas a facilitar o uso dos servizos dixitais, evitar o ciberacoso e informar sobre o novo Regulamento de Protección de Datos.

Grazas á colaboración dos aliados dixitais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 e á labor dos responsables das aulas CeMIT celebrarase charlas e sesións específicas durantes estes días, Una delas será a charla informativa “Pautas de control parental para a detección e o control do ciberacoso” en colaboración co aliado dixital Captioma.

Tamén está prevista a realización de dúas sesións de dúas horas de duración en colaboración co aliado dixital Altia sobre o manexo da Sede electrónica da Xunta de Galicia. E intégranse, ademais, dentro desta planificación a realización dunha charla informativa destinada a rapaces e rapazas sobre “Prevención do ciberacoso, ciberbulling e comportamentos rexeitables” e a xornada sobre “Protección de datos de carácter persoal e a nova normativa GDPR” en colaboración co mentor dixital José M. Lozoya.

As persoas interesadas en asistir a algunha das formacións propostas poden consultar os cursos e actividades das aulas CeMIT na seguinte ligazón: https://cemit.xunta.gal/buscador e poñerse en contacto coa aula que máis lle interese. Así mesmo, tamén pode contactar coa Oficina CeMIT enviado un correo a cemit@xunta.gal.

Actividades xa programadas

Súmanse, ademais, outras iniciativas iniciadas anteriormente e que teñen continuidade dado o interese suscitado como o taller “Ao lado dos nosos maiores” realizado en colaboración co aliado dixital Orange Spagne, así como as xornadas “Aprende a usar o teu Smartphone e Tablet” en colaboración coa Fundación Vodafone España.

Adicionalmente, de forma online, póñense a disposición dos cidadáns unha gran variedade de cursos a través da Plataforma de teleformación EMA (Espazo Multimedia de Aprendizaxe).

 

Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 - Aliad@s Dixitais

O Plan de Inclusión Dixital é a estratexia autonómica para facilitar a calquera persoa, independentemente do nivel dixital no que se atope, avanzar, madurar e acceder a maiores niveis de coñecemento e uso das TIC.

Esta estratexia estase a desenvolver grazas á cooperación, e implicación dos axentes do ecosistema dixital. Actualmente o Plan de Inclusión Dixital conta con preto de 800 aliados dixitais.

A Rede CeMIT

A Rede CeMIT é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega e conta coa colaboración de 92 concellos e 53 comarcas e está integrada por 98 aulas, co obxectivo común de transformar á cidadanía galega nunha sociedade plenamente integrada na sociedade dixital. A rede é un dos instrumentos principais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia para ofrecer a cidadanía recursos de capacitación dixital en función do seu nivel de coñecemento.

Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias.

Paralelamente, os centros da Rede contan cun servizo de “aula aberta”, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios e usuarias para a utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.
 

Data de actualización: 17/05/2018