A Xunta achega preto de 2,6 millóns de euros para sufragar a contratación de 346 persoas desempregadas nos concellos lucenses

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, explicou que o 1 de xullo estarán incorporados os traballadores de tres programas impulsados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria

Lugo, 21 de maio de 2018
  • whatsapp

A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de resolver tres programas de apoio á contratación por parte dos concellos, que supoñen na provincia de Lugo un investimento de preto de 2,6 millóns de euros para a creación de 346 postos de traballo.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, ofreceu hoxe en rolda de prensa os datos xerais do programa Aprol Rural, o de fomento da contratación de persoas perceptoras da Renda de Integración Social de Galicia (Risga) e o plan de cooperación, e informou de que os concellos deberán incorporar aos traballadores beneficiados o 1 de xullo como data tope.

O Aprol Rural suma un investimento de 1,3 millóns de euros para a contratación, durante un período de nove meses, de 120 lucenses. Este ano introduciuse como principais novidades que os contratos terán que estar relacionados coa valorización do sector forestal, ao tempo que se priorizaron nestes apoios aos Concellos Emprendedores. É dicir, tiveron axudas os 56 concellos que o solicitaron pero con especial incidencia para as administracións locais que se adheriron ao convenio asinado entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para fortalecer a captación de investimento en Galicia, un acordo enmarcado dentro da nova Lei de implantación empresarial.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Aprol Rural, financiará o equivalente á totalidade dos custos salariais nos contratos, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social segundo estea marcado no convenio colectivo vixente no momento no que o Concello formulou a súa solicitude.

Polo que respecta ao programa para a contratación de perceptores da Risga, sumará 116 empregos nos 36 concellos participantes, grazas a unha achega de case 1 millón de euros. A Xunta financia a totalidade dos custos de contratación deste persoal durante 7 meses para prestar distintos servizos de interese municipal.

Finalmente, a presente convocatoria do plan de cooperación incentiva a contratación de 110 socorristas durante dous meses en 37 concellos da provincia -82 en concreto para os municipios da Mariña- , cun orzamento que supera os 341.000 euros.

Balseiro concluíu que estes programas son unha mostra máis de que “a Xunta lidera as iniciativas de emprego da provincia, e o fai ademais a través dun sistema de cooperación cos concellos, o que implica un triplo beneficio: o aforro para as facendas locais; a garantía de que as ocupacións solicitadas responden a necesidades reais dos concellos que, como administración máis próxima, coñecen os servizos a reforzar; e o impulso á creación de emprego naqueles concellos que apostan polo sector forestal que é un factor diferencial na nosa provincia”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 21/05/2018