A Xunta pon en valor os Premios Moce de fomento do espírito emprendedor e destaca a importancia da formación de calidade

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe na Coruña na entrega dos X Premios Moce promovidos pola Fundación Ronsel co patrocinio do BBVA e o apoio da Xunta

Toca sinala que no proceso de recuperación que está a experimentar a economía é necesario que as empresas aposten polo emprego estable e de calidade e que os perfís dos traballadores se adapten ás necesidades reais do tecido produtivo

Resalta as medidas postas en marcha polo Goberno galego para apoiar o emprendemento e o emprego autónomo, lembrando que está aberto o prazo para solicitar as axudas para apoiar o inicio de actividade dos traballadores por conta propia, para favorecer a súa conciliación e ampliar a tarifa plana

A Estratexia Autónomo 2020 busca poñer ao alcance dos emprendedores as maiores facilidades para que poidan seguir crecendo e consolidar a súa actividade
 

A Coruña, 22 de maio de 2018
  • whatsapp

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe na Coruña na entrega dos X Premios Moce (Módulo Ocupacional de Creación de Empresas) que, promovidos pola Fundación Ronsel con patrocinio do BBVA e o apoio da Xunta, fomentan o espírito emprendedor e valoran a innovación, a sostibilidade a creación de emprego e as medidas de conciliación e igualdade.

Toca destacou a importancia de apoiar o talento galego e as novas ideas dos emprendedores destacando que no proceso de recuperación que está a experimentar a economía é importante que as empresas aposten pola xeración de emprego estable e de calidade e que os perfís profesionais dos traballadores se adapten ás necesidades reais do tecido produtivo.

Para impulsar o emprego entre os emprendedores, Toca puxo en valor as medidas que está desenvolvendo a Xunta a través da Estratexia Autónomo 2020 que, con 40 millóns de euros ao ano, busca fortalecer ao sector e apoiar a máis de 10.000 traballadores. O obxectivo é poñer ao alcance dos traballadores por conta propia as maiores facilidades para que poidan seguir emprendendo e crecendo, consolidando, en definitiva, a súa actividade.

Este ano xa se activaron diversas medidas que forman parte desta folla de ruta. Na actualidade, o prazo de solicitude está aberto, entre outros, para a axuda específica encamiñada a favorecer a conciliación laboral e familiar dos traballadores galegos por conta propia: ata o ata o 16 de xullo, para as contratacións realizadas entre o 1 de novembro de 2017 e o 15 de maio, e para os contratos que se desenvolvan posteriormente, o prazo será dun mes desde a fecha da contratación.

Así mesmo, está aberto o prazo de inscrición (ata o 31 de xullo) para o apoio que permite aos traballadores manter durante seis meses máis a cota reducida á Seguridade Social, pagando, deste xeito, durante o seu primeiro ano de actividade só 50 euros; para o programa de axudas por valor de 14,6 millóns para impulsar o inicio da actividade (ata o 1 de outubro), coas que se prevé beneficiar a 4.100 autónomos; e as destinadas a favorecer a contratación indefinida de traballadores en 190 empresas de autónomos, para as que se dedican 1,35 millóns (neste caso o prazo de solicitude remata dependendo da data de contratación, segundo se especifica nas bases da convocatoria do DOG).

No ámbito do emprendemento, Toca tamén referiuse á Rede Galega de Aceleradoras, á Unidade Galicia Emprende e á Oficina Doing Business dirixida a estudar as suxestións dos emprendedores cara a reducir as trabas burocráticas á actividade empresarial.

Con respecto á importancia de adaptar a cualificación dos traballadores ás demandas do tecido empresarial, a secretaria xeral de Emprego apuntou que a Xunta incrementou este ano a partida orzamentaria para a formación para o emprego que conta con máis de 130 millóns de euros. Ao respecto, recordou algúns dos programas xa activos como as Unidades Formativas na Empresa ou os obradoiros duais de emprego que combinan formación e un contrato de traballo.

Os premiados

Os Premios Moce apoian tamén a posta en marcha de actividades empresariais promovidas polos autónomos e fomentan a creación de microempresas. Nesta convocatoria seleccionáronse entre 96 candidaturas a un total de 10 finalistas que hoxe presentaron os seus proxectos: 5 deles liderados por mulleres e os outros 5 por homes. Os emprendedores proceden das Pontes, Santiago, Lugo, Cambados, Vigo, Porto do Son e A Coruña.

O primeiro premio recaeu no proxecto Coeduca de Lugo; o segundo en Inmake Studio, de Vigo; e o terceiro en Despensa 77, da Coruña. Os gañadores recibiron unha placa de recoñecemento e tres premios por valor de 1800 euros.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 22/05/2018