A Xunta abre ata o 25 de xuño o prazo de solicitude das axudas para os obradoiros duais e para os dirixidos á mocidade

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar as dúas convocatorias dos programas de emprego a través dos que se porán en marcha en toda Galicia 100 obradoiros duais dirixidos a persoas de calquera idade e 22 específicos para menores de 30

A Consellería de Economía, Emprego e Industria busca con estas dúas actuacións, que inclúen formación e un contrato, favorecer a empregabilidade de máis de 2350 persoas sen traballo

Nos obradoiros duais terán prioridade os especializados no eido forestal e no Camiño de Santiago e inclúen, ademais dun contrato de formación e aprendizaxe durante 9 meses, apoio para a contratación en prácticas

Poderán optar ás axudas, ao igual que outros anos, as administracións locais (con prioridade dos Concellos Emprendedores), asociacións de entidades locais e mancomunidades e, no caso dos duais, tamén entidades sen ánimo de lucro do ámbito forestal constituídas e rexistradas como asociacións
 

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2018
  • whatsapp

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar as convocatorias de axudas dos obradoiros duais de emprego e dos específicos para menores de 30 anos, dous programas, que se porán en marcha no mes de setembro, cos que a Xunta prevé incrementar as oportunidades laborais de máis de 2350 persoas desempregadas.

Poden optar a estas axudas, ao igual que outros anos, as administracións locais (con prioridade os Concellos Emprendedores), asociacións de entidades locais e mancomunidades e, no caso dos duais, tamén, como novidade este ano, as entidades sen ánimo de lucro do ámbito forestal constituídas e rexistradas como asociacións. Terán ata o 25 de xuño para presentar as súas solicitudes.

Para os obradoiros duais, unha nova iniciativa posta en marcha este ano pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a Administración autonómica destinará en total 29,6M€. Nesta primeira convocatoria, que saíu publicada no DOG esta semana, invístense 20,3M€. O obxectivo é poñer en marcha en global 100 programas, que combinarán un contrato de formación e aprendizaxe durante 9 meses e a contratación en prácticas de, como mínimo, tres meses máis nunha empresa emprazada no ámbito territorial onde teña lugar o obradoiro, e sempre que o traballo estea vinculado coas materias que se impartan no programa. O obxectivo é favorecer a empregabilidade de 2000 desempregados galegos, tendo prioridade os obradoiros vinculados o eido forestal e ao Camiño de Santiago.

Ata o de agora, os obradoiros de emprego ofrecían ás persoas sen traballo cualificación e un contrato de aprendizaxe durante 9 meses. Agora, ademais, a Xunta apoiará a contratación, como mínimo de 3 meses e a xornada completa, nunha empresa, onde os alumnos e alumnas do obradoiro poderán realizar as súas prácticas. A actuación da Consellería de Economía, Emprego e Industria combina, polo tanto, a formación co desenvolvemento dun traballo efectivo, xa que as persoas beneficiarias disporán dun contrato de traballo e percibirán un salario durante a súa participación nesta actividade.

A través da participación neste programa, os alumnos e alumnas seguirán recibindo, ao remate da formación, un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.

Para os obradoiros forestais, aos que se dá prioridade, resérvanse 5 millóns de euros, nos que se impartirán especialidades de aproveitamento, recolección, repoboación, conservación, silvicultura, construción e mantemento de infraestruturas para a prevención e extinción de incendios e de seguridade e medio ambiente relacionadas tamén coa vixilancia e extinción de incendios.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria reserva, ademais, 3 millóns de euros para os programas vinculados ao Camiño de Santiago, é dicir, para aqueles destinados á conservación, reforma e posta en valor das rutas de peregrinación.

Nos obradoiros duais de emprego terán preferencia os desempregados con especiais dificultades de inserción no mercado de traballo, como os mozos e mozas menores de 30 anos; os emigrantes retornados; as mulleres, en especial, as mulleres vítimas de violencia de xénero; as persoas que esgotaran as prestacións e subsidios por desemprego; os parados de longa duración; maiores de 45 anos; persoas que carezan de títulos universitarios e de FP de grao superior, excepto para os certificados de profesionalidade de nivel de cualificación 3, nos que se require unha maior formación, xa que estes programas van dirixidos ás persoas que, con carácter xeral, carecen dunha cualificación profesional; e as persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.

Menores de 30 anos

Con respecto á convocatoria destinada aos obradoiros de emprego dirixidos especificamente á mocidade, a Xunta inviste 3,4M€ para beneficiar a máis de 350 desempregados menores de 30 anos que teñen que estar inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. Con este orzamento, prevese a posta en marcha de 22 obradoiros.

Estes programas combinan a formación coa realización dun traballo específico, un contrato de aprendizaxe durante 9 meses.

Os obxectivos dos dous programas son: mellorar a empregabilidade dos seus participantes ofrecéndolles unha formación para o emprego teórico-práctica de calidade da man de especialistas; a realización de actuacións de mellora das dotacións públicas ou de uso público no ámbito local, así como a prestación de servizos de interese xeral e social; e o impulso da colaboración institucional entre a Xunta e as entidades locais.

Data de actualización: 25/05/2018