A Xunta puxo en marcha hoxe a cuarta e última fase do Plan de entrada dos autobuses interurbanos ao centro da Coruña que foi posible grazas ao acordo entre 17 concellos

Os usuarios de 8 novas liñas poderán realizar xa paradas no núcleo da cidade, reducindo os tempos de viaxe e sen realizar transbordos

Nos 7 primeiros meses de funcionamento máis de 500.000 viaxeiros empregaron as novas paradas creadas a través deste Plan

Ovidio Rodeiro destacou que “o incremento de pasaxeiros nos traxectos da primeira fase, a máis consolidada, foi dun 13%”
 

  • whatsapp

A Coruña, 28 de maio de 2018.-  O delegado territorial da Xunta de Galicia, Ovidio Rodeiro, realizou está mañá un percorrido no autobús interurbano desde Betanzos ata o centro da Coruña, coincidindo coa posta marcha este luns da cuarta e última fase do Plan de entrada autobuses interurbanos ao centro da cidade. Os usuarios dos autobuses procedentes de Curtis, Oza-Cesuras, Miño, Betanzos, Bergondo, Cambre, Oleiros, Ordes, Carral e Culleredo, poden desde hoxe empregar as paradas no núcleo da cidade e non só na estación de autobuses, reducindo os tempos de viaxe e sen necesidade de realizar transbordos para chegar ao seu destino.

Ovidio Rodeiro agradeceu especialmente o esforzo persoal da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, para facer realidade este plan despois de dous anos intensos de traballo nos que se tiveron que superar moitos obstáculos. Neste senso, “apuntou que o seu empeño político para superar todos os atrancos permitiu que hoxe teñamos un plan que supón un acordo entre 17 concellos e que afecta a 44 liñas que se foron implantando en catro fases sucesivas”. “Isto pon en evidencia que cando hai interese, capacidade de negociación e altura de miras se acadan obxectivos sen a necesidade de crear novas estruturas nin consorcios”, puntualizou.
 

Nesta cuarta, e última fase do Plan, se integran 7 liñas, con 40 expedicións de entrada diaria, das que se benefician directamente 420.000 viaxeiros ao ano. En concreto as liñas que entran en funcionamento este vindeiro luns son as seguintes:

 
NOME
EXPEDICIÓNS

A CORUÑA - BETANZOS, A GALLADA- FERROL ESTACIÓN DE AUTOBUSES

4

A CORUÑA – BETANZOS (CIRCULAR)

18

A CORUÑA- OURENSE ESTACIÓN DE AUTOBUSES POR POBOS

2
A CORUÑA - BETANZOS POR POLÍGONO DE BERGONDO
3

OURENSE- ESTACIÓN DE AUTOBUSES - A CORUÑA RÁPIDO

2

A CORUÑA - BETANZOS POR A9

2

A CORUÑA-ORDES-SANTIAGO-LALÍN-OURENSE

9
 
 
 

Coa entrada da 4ª fase, a Xunta cumpre o seu obxectivo de que a totalidade do Plan de accesibilidade dos buses interurbanos ao centro estea operativo antes do verán,pese a resposta negativa do Goberno municipal da Coruña, á proposta de unificar as dúas últimas fases, na comisión de seguimento do Plan, celebrada o pasado mes de abril.

 

A primeira fase implantouse o pasado mes de novembro, favorecendo o acceso dos autobuses ao centro da Coruña dun total de 12 liñas de autobús, chegadas principalmente dos concellos de Oleiros, Sada, Culleredo, Cambre e Bergondo. A segunda, que entrou en funcionamento no mes de xaneiro, propiciou o acceso de 17 liñas procedentes, na súa maioría, dos concellos de Arteixo, Culleredo, A Laracha, Carballo, Oleiros, e tamén liñas que entra polo corredor leste e que pasan por Cambre Curtis, Abegondo e Oza-Cesuras.

 

Coa terceira fase, que comezou o 30 de abril, os usuarios das 8 liñas procedentes dos concellos de Carral, Cambre e Culleredo xa están realizando paradas no núcleo da cidade. E nesta derradeira fase se incorporan 7 liñas de autobús dos corredores leste e centro, favorecendo os veciños procedentes dos concellos de Curtis, Oza-Cesuras, Miño, Betanzos, Bergondo, Cambre, Oleiros, Ordes, Carral e Culleredo.

 

Ovidio Rodeiro informou que desde “o inicio da implantación do Plan de entrada de autobuses interurbanos ao centro da cidade máis de 500.000 persoas empregaron as novas paradas desde o inicio do Plan e o incremento de pasaxeiros nos traxectos da primeira fase, a máis consolidada, foi dun 13%”. Ademais recalcou que o “30% dos usuarios do transporte interurbano empregan as paradas novas creadas ao longo destes 7 meses. Esta cifra acada o 50% nalgunhas das rutas as fins de semana”.

 

O delegado territorial apuntou que “a medida que se vaian implantando todas as fases e os usuarios vaian coñecendo estas novas opcións de paradas poidan planificar mellor as paradas que poden usar o os tempos empregados nos traxectos para seguir incrementado o número de usuarios”. “O traballo non remata aquí, apuntou, hai que seguir analizando posibles melloras ou axustes en frecuencias que se poidan mellorar”.

 

A entrada dos autobuses ao centro enmárcase no Plan de transporte metropolitano da Xunta de Galicia na Coruña, renovado o pasado mes de abril co acordo unánime de todos os concellos e cunha achega autonómica de 3,8 millóns de euros para 2019.

 

No seguinte enlace pódese consultar todos os horarios e liñas de entrada dos autobuses interubanos ao centro da Coruña: https://bit.ly/2I1PUKE 

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 28/05/2018