A Comisión Superior de Dereito Civil considera que Galicia non ten competencias para lexislar sobre custodia compartida

O pleno deste órgano consultivo acordou por maioría remitir un informe ao Parlamento galego no que se establece a falta de competencia autonómica para regular esta materia

Santiago de Compostela, 28 de maio 2018
  • whatsapp

A Comisión superior para o estudo do desenvolvemento do dereito civil galego acordou hoxe por maioría remitir ao Parlamento galego un informe no que se determina que Galicia non ten competencias para lexislar sobre a custodia compartida.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu hoxe unha nova reunión do pleno deste órgano consultivo. A última xuntanza foi o pasado 26 de abril, e na mesma encargouse a elaboración dun informe que dera resposta á consulta realizada polo Parlamento galego para saber se a proposición de lei referida á corresponsabilidade parental -admitida a trámite logo de presentarse como Iniciativa Lexislativa Popular- tería encaixe nas competencias autonómicas ou correspondería ao ámbito estatal.

A Constitución Española confire ás comunidades autónomas con dereitos especiais a posibilidade de conservar, modificar e desenvolver o seu dereito propio, pero non de forma ilimitada. Así, a xurisprudencia do Tribunal Constitucional vén esixindo que exista unha conexión entre as figuras que xa existían e a nova materia a desenvolver.

O informe aprobado hoxe, de carácter non vinculante, sinala que en Galicia non destaca ningunha institución conexa relativa ás relacións paternofiliais. Os principios xurídicos que si existen refírense case exclusivamente á vía patrimonial, polo que non presentaría unha conexión suficiente.

Este estudo engade, entre outros argumentos, que non procede reproducir preceptos estatais nas lexislacións autonómicas, en tanto considera que parte da Proposición de Lei pode ser vista como unha reiteración do Código Civil, que implicaría a vulneración dos principios de competencia e seguridade xurídica.

Ademais, no informe incluirase, de común acordo, a suxerencia de que o Parlamento galego inste ás Cortes Xerais para que regulen sobre esta materia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 28/05/2018