Os 20 alumnos do obradoiro de emprego de Oza-Cesuras e Coirós formáronse e atención socio-sanitaria e xardinería

O delegado territorial na Coruña, Ovidio Rodeiro, clausurou o obradoiro de emprego e destacou o compromiso da Xunta para a creación de postos de traballo estables e de calidade

A actuación tivo una duración de nove meses e contou cunha achega da Consellería de Economía, Emprego e Industria de 283.000 euros
 

Oza-Cesuras (A Coruña), 29 de maio de 2018
  • whatsapp

Un total de 20 alumnos formáronse nos últimos 9 meses en Oza-Cesuras e Coirós en atención sociosanitaria de persoas dependentes e como auxiliares de xardinería, grazas a un obradoiro de emprego Activa II que percibiu unha achega da Consellería de Economía, Emprego e Industria de 283.000 euros. O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, acompañado polos alcaldes de Oza- Cesuras, Pablo González e o de Coirós, Francisco Quintela, clausuraron hoxe este obradoiro.

As prácticas do curso de atención sociosanitaria realizáronse na residencia García Hermanos de Betanzos e as correspondentes ao curso de xardinería no Parque do Sanatorio, actualmente en proceso de rehabilitación. As dúas especialidades das que consta este obradoiro centráronse na realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social e tiveron como obxectivo mellorar a cualificación profesional dos participantes para acadar unha integración laboral efectiva. Estas formacións tamén impulsan o emprendemento, xa que os beneficiarios recibiron formación específica que lles permitirá iniciar os seus propios proxectos. En cada un dos cursos participaron 10 alumnos (15 de Oza-Cesuras e 5 de Coirós)

Ovidio Rodeiro destacou “o importante esforzo que se está facendo dende a Xunta de Galicia para achegar a formación aos concellos e para ofrecer obradoiros adaptados ás necesidades actuais das empresas”. Neste senso, recalcou “que mellorar a formación en todos os ámbitos permite optar a postos de traballo máis estables e con máis calidade”. O delegado territorial animou a todos os participantes “a aproveitar esta oportunidade porque a formación recibida é a mellor carta de presentación para atopar un emprego. Agora é preciso que teñades unha actitude activa e decidida para afrontar a busca de traballo”.

A provincia da Coruña conta no curso 2017-2018 cun total de 24 obradoiros de emprego, 16 deles de carácter xeral, onde participan alumnos e alumnas de calquera idade e oito de Garantía Xuvenil, para mozos e mozas menores de 30 anos. Mediante estas iniciativas invístense en políticas activas de emprego máis de 5,4 millóns de euros na provincia e participan un total de 440 persoas desempregadas.

 


Nova convocatoria obradoiros

O delegado territorial da Coruña tamén lembrou que están abertas as convocatorias de axudas dos obradoiros duais de emprego e dos específicos para menores de 30 anos, dous programas, que se porán en marcha no mes de setembro, cos que a Xunta prevé incrementar as oportunidades laborais de máis de 2350 persoas desempregadas. O prazo para solicitalas remata o 25 de xuño.

Poden optar a estas axudas, ao igual que outros anos, as administracións locais (con prioridade os Concellos Emprendedores), asociacións de entidades locais e mancomunidades e, no caso dos duais, tamén, como novidade este ano, as entidades sen ánimo de lucro do ámbito forestal constituídas e rexistradas como asociacións. Terán ata o 25 de xuño para presentar as súas solicitudes.

Para os obradoiros duais, unha nova iniciativa posta en marcha este ano pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a Administración autonómica destinará en total 29,6M€. Nesta primeira convocatoria, que saíu publicada no DOG a semana pasada, invístense 20,3M€. O obxectivo é poñer en marcha en global 100 programas, que combinarán un contrato de formación e aprendizaxe durante 9 meses e a contratación en prácticas de, como mínimo, tres meses máis nunha empresa emprazada no ámbito territorial onde teña lugar o obradoiro, e sempre que o traballo estea vinculado coas materias que se impartan no programa. O obxectivo é favorecer a empregabilidade de 2000 desempregados galegos, tendo prioridade os obradoiros vinculados o eido forestal e ao Camiño de Santiago.

Ata o de agora, os obradoiros de emprego ofrecían ás persoas sen traballo cualificación e un contrato de aprendizaxe durante 9 meses. Agora, ademais, a Xunta apoiará a contratación, como mínimo de 3 meses e a xornada completa, nunha empresa, onde os alumnos e alumnas do obradoiro poderán realizar as súas prácticas. A actuación da Consellería de Economía, Emprego e Industria combina, polo tanto, a formación co desenvolvemento dun traballo efectivo, xa que as persoas beneficiarias disporán dun contrato de traballo e percibirán un salario durante a súa participación nesta actividade.

Con respecto á convocatoria destinada aos obradoiros de emprego dirixidos especificamente á mocidade, a Xunta inviste 3,4M€ para beneficiar a máis de 350 desempregados menores de 30 anos que teñen que estar inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. Con este orzamento, prevese a posta en marcha de 22 obradoiros.

Estes programas combinan a formación coa realización dun traballo específico, un contrato de aprendizaxe durante 9 meses.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 29/05/2018