A Xunta somete a información pública o proxecto de trazado do desdobramento do Corredor Nadela- Sarria, no treito entre A Pobra de San Xiao e Sarria Centro

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio que establece un prazo para a presentación de alegacións que abranguerá dende o 4 de xuño ata o 13 de xullo

O tramo obxecto do proxecto ten unha lonxitude de 11,5 km, entre os puntos quilométricos 12+500 do actual corredor e o 24+000

A conversión en autovía iníciase por este subtramo porque é o que rexistra un menor nivel de servizo polas mínimas opcións de adiantamento

O proxecto inclúe as adaptacións necesarias nos tres enlaces do tramo, A Pobra de San Xiao, Sarria Norte e Sarria Centro, e a prolongación de seis pasos inferiores para a conversión do corredor en autovía

O desdobramento da infraestrutura estivo planificado pola Xunta desde o principio da actuación e durante a construción do corredor deixáronse preparados os desmontes para acoller nun futuro a ampliación da plataforma

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2018
  • whatsapp

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se somete a información pública o proxecto de trazado do desdobramento do Corredor Nadela- Sarria, no treito entre A Pobra de San Xiao e Sarria Centro.

O prazo para a presentación de alegacións abranguerá dende o 4 de xuño ata o vindeiro 13 de xullo. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información.

O tramo obxecto do proxecto ten unha lonxitude de 11,5 km, entre o pq. 12+500 do actual corredor, no enlace da Pobra de San Xiao, e o 24+000, no enlace de Sarria centro.

A conversión en autovía iníciase por este subtramo porque é o que sen comprobado que rexistra un menor nivel de servizo polas menores opcións de adiantamento.

O proxecto inclúe as adaptacións necesarias nos tres enlaces do tramo, A Pobra de San Xiao, Sarria Norte e Sarria Centro, e a prolongación de seis pasos inferiores para a conversión do corredor en autovía.

Esta actuación conseguirá mellorar as condicións de seguridade e comodidade dos vehículos que circulen polo actual corredor, cun notable aumento da capacidade e dos niveis de servizo do itinerario e unha gran mellora da seguridade viaria.

O desdobramento da infraestrutura estivo planificado pola Xunta desde o principio da actuación, e durante a construción do corredor deixáronse preparados os desmontes para acoller nun futuro a ampliación da plataforma. Non obstante, estes serán ampliados en varios puntos para conseguir material próximo e compensar así as necesidades de terreo de aportación para os recheos.
 

Data de actualización: 01/06/2018